A Xunta e o concello da Estrada colaboran na posta en marcha dun módulo cuberto multideporte

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde da Estrada, José López Campos, asinaron o convenio desta infraestrutura, que contará cun investimento de 2 M€, dos que o Goberno galego achega máis de 1 M€

A nova instalación contará con espazos para deportes de combate e ximnasio e completará as instalacións deportivas do municipio

Situarase como elemento de comunicación entre a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e a pista de atletismo proxectada
 

A Estrada (Pontevedra), 25 de maio de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, vén de asinar co alcalde da Estrada, José López Campos, o convenio de colaboración entre a Xunta e o concello estradense para a realización de obras dun módulo cuberto multideporte. A instalación terá un orzamento superior aos dous millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia achega máis de un millón e o municipio pontevedrés a contía restante.

A nova instalación completará as instalacións deportivas da Estrada e situarase como elemento de comunicación entre a Agasp e a pista de atletismo proxectada. Cómpre salientar que desde 2017, grazas a outro convenio de colaboración asinado coa Xunta, os deportistas galegos de alto nivel e as federacións deportivas de Galicia poden utilizar para as súas concentracións as instalacións da Academia, que contan con recursos como residencia, ximnasio, sala de tatami ou pistas exteriores.

Con esta nova actuación, a Agasp contará cun módulo cuberto que permita o desenvolvemento de adestramentos e competicións de probas técnicas cando a situación climatolóxica sexa adversa para especialidades como o salto con pértega, os saltos de lonxitude e triplo salto ou as probas de velocidade e valos.

Ademais, ao completar a instalación de aire libre con este módulo de pista cuberta, permitirá o desenvolvemento de competicións e concentracións técnicas de alto nivel, ao contar deste xeito con todo o necesario para o seu desenvolvemento. O novo módulo tamén disporá de espazos destinados a deportes de combate (judo, karate ou taekwondo) e ximnasio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2023