A Xunta afonda no patrimonio accesible e inclusivo nunhas xornadas coa Asociación de Letrados e o Colexio de Arquitectos

O evento ‘Cara a un patrimonio cultural accesible e inclusivo. Unha visión holística do patrimonio cultural’ será inaugurado mañá pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez

A cita celebrarase o xoves e o venres no Pazo de San Roque coa participación de investigadores e profesores de física da Universidade de Santiago de Compostela e profesionais das áreas xurídica e arquitectónica

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2023 O Pazo de San Roque acollerá durante este xoves e o venres as xornadas Cara a un patrimonio cultural accesible e inclusivo. Unha visión holística do patrimonio cultural. Trátase dun encontro dirixido a afondar nos novos horizontes da accesibilidade e a inclusión no patrimonio organizado pola Xunta de Galicia coa Asociación de Letrados da Xunta e o Colexio de Arquitectos de Galicia.

A cita será inaugurada mañá pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, e contará durante os dous días coa participación de investigadores e profesores de Física da Universidade de Santiago de Compostela e profesionais das áreas xurídica e arquitectónica que expoñerán diferentes temas en formato de mesa redonda.

En concreto, os temas a tratar son as novas perspectivas e a democratización no acceso ao patrimonio, a accesibilidade, a relación do patrimonio coa urbanización, a aplicación de modelos matemáticos para a protección preventiva e a incidencia da contaminación lumínica.

Todas estas cuestións, o seu tratamento xurídico e técnico a nivel autonómico, estatal e europeo, serán abordadas ao longo das xornadas desde unha posta en común dos instrumentos e as posibles solucións das que dispoñemos fronte aos retos que estas situacións están a provocar xa no momento actual e que non farán mais que aumentar no futuro inmediato.

Data de actualización: 24/05/2023