A Xunta recibe 5 ofertas para executar a remodelación da ponte na rúa Fomento de Carballo para reducir o risco de inundación no río Anllóns

Esta actuación, licitada por case 2 M€, permitirá intervir na zona da ponte, onde o estreitamento do leito do río e a súa escasa capacidade de desaugue fai que sexa unha das zonas más inundables no casco urbano en época de enchente

As obras contan cun prazo de execución de 8 meses e inclúen a ampliación e corrección do leito do río, a execución dunha nova ponte e a construción de motas augas abaixo

A intervención forma parte do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Carballo para desenvolver o Plan de xestión desta área de risco potencial de asolagamento, cun investimento total de 6,3 M€

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 5 ofertas de empresas para executar a obra de remodelación da ponte da rúa Fomento de Carballo, para reducir o risco de inundación no río Anllóns ao seu paso polo municipio coruñés. 

Esta actuación, cuxas obras foron licitadas por case 2 M€ cun prazo de execución de 8 meses, inclúe a transformación da canle e motas de contención augas abaixo desta ponte.

En concreto, a través deste contrato, intervirase na zona da ponte onde se produce un estreitamento do leito do río Anllóns, sendo esa, pola súa escasa capacidade de desaugue, unha das zonas más inundables no casco urbano de Carballo en época de enchentes.

Os traballos que se desenvolverán inclúen a ampliación e corrección do leito do río, a construción dunha nova ponte e a construción de motas augas abaixo. Tamén se prevé a demolición dunha edificación e dunha escaleira situada augas arriba da ponte.

Deste xeito, demolerase a ponte que conecta a rúa Fomento e a avenida de Fisterra, co fin de ampliar a sección do leito, e tamén un edificio sito na rúa Fomento anexo ao leito.

Construirase unha nova ponte mediante 8 vigas de formigón pretensado dobre de máis de 22 metros de lonxitude e anchura de algo máis de 4 metros, dividida en dous carrís e dúas beirarrúas. A estrutura permitirá o paso inferior dunha senda a ambas marxes inundables no caso de crecidas.

Proxéctase a apertura do leito aumentando a sección dispoñible, nunha lonxitude de 121 metros na marxe dereita e 158 metros no esquerdo, e elevando a cota de rebosamento mediante un muro-bancada. O sostemento dos noiros realizarase mediante muros de dique executados reutilizando parte do material existente.

As obras obxecto deste contrato inclúen a repavimentación da senda adxacente ao leito por ambas as marxes, e dotarase o acceso á senda desde a rúa Fomento e a avenida de Fisterra mediante ramplas a cada lado do leito.

Este contrato forma parte das actuacións recollidas no convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Carballo, para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río, cun investimento total de 6,3 M€.

Entre as accións que se consideran máis prioritarias e que son as que se impulsan a través desta colaboración están estas obras na ponte da rúa Fomento; as obras, tamén en fase de contratación, de mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo; e a remodelación de ponte e creación dun leito de augas altas na rúa Sol.

A estas súmanse as actuacións, en execución desde o pasado 5 de maio, de remodelación do parque de San Martiño de Carballo e a realización dun by-pass na zona de Muíño do Quinto.

Todas as actuacións apostan pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes, fronte a solucións máis duras baseadas en intervencións que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.

No que se refire aos compromisos das administracións recollidos no convenio de colaboración, a Xunta é a encargada da redacción dos proxectos e de executar as obras correspondentes ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, o Concello de Carballo asume a posta á disposición dos terreos necesarios para o inicio das obras e a realización das xestións pertinentes; así como a obriga de recibir as actuacións e levar a cabo o seu mantemento e conservación.

As actuacións contan con financiación da Unión Europea a través do fondo Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020  e o programa Galicia Feder 2021-2027.

Data de actualización: 24/05/2023