Lorenzana destaca no Consello Galego das Mulleres a importancia de traballar coas empresas para que incorporen os principios do benestar laboral

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela neste órgano colexiado, onde informou sobre a aprobación do anteproxecto da nova Lei galega de igualdade

O novo texto legal, ademais de poñer o foco na sustentabilidade social empresarial, outorga funcións aos CIM para que aconsellen ás mulleres sobre as accións legais que se poden adoptar para retirar contidos ou ataques sexistas nos medios tecnolóxicos

Na xuntanza puxo en valor, ademais da nova normativa, o II Plan de Benestar Laboral, Conciliación e Corrresponsabiilidade

Destacou que este Plan incorpora tamén, ao igual que o texto legal, o concepto de benestar laboral para consolidar accións de apoio ás empresas que implanten medidas encamiñadas á flexibilización do tempo de traballo e racionalización horaria
 

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor na xuntanza do Consello Galego das Mulleres a nova Lei galega de igualdade que o venres pasado recibiu a aprobación do Consello da Xunta para iniciar agora a súa tramitación parlamentaria coa previsión de que estea vixente antes de que remate esta Lexislatura.

O texto legal regulará a sustentabilidade social empresarial para acadar o benestar laboral que será un dos eixos das políticas autonómicas para a igualdade laboral de mulleres e homes, avogando pola corresponsabilidade, o teletraballo e a racionalización e flexibilización horaria nas empresas. En palabras de Lorenzana, son cuestións fundamentais para avanzar na igualdade de oportunidades, o desenvolvemento dun traballo coas empresas para que incorporen os principios do benestar laboral aos seus modelos de xestión como son, entre outros, ademais da racionalización dos horarios, a mellora da conciliación das persoas traballadoras “poñendo o foco non só nas mulleres, tamén nos homes”, engadiu.

Lorenzana tamén incidiu na importancia da formación para reter talento e en que a nova normativa reforza o compromiso autonómico para a eliminación da discriminación á muller e dos ataques sexistas nos medios tecnolóxicos. Neste senso, avanzou que se outorgarán funcións aos Centros de Información á Muller (CIM) para que poidan aconsellar ás mulleres nas accións legais que poden tomar para retirar este tipo de contidos. A Lei, neste ámbito, recoñecerá a discriminación múltiple e interseccional e promoverá espazos seguros e libres de acoso sexual nas cidades e en eventos multitudinarios.

A través da Lei crearase, así mesmo, o Estatuto das mulleres rurais e do mar, dous colectivos que contarán co seu respectivo Observatorio como órgano colexiado para poñer en valor as súas necesidades e no que se sentará, ademáis da Administración galega, o tecido asociativo, sindicatos, patronal e a Fegamp. O documento é o resultado do proceso participativo que permitiu incorporar máis de 200 alegacións.

II Plan de Benestar Laboral

A titular de Igualdade, así mesmo, destacou as características principais do II Plan de Benestar Laboral, Conciliación e Corresponsabilidade de Galicia, que aprobou o Consello da Xunta o pasado mes de abril. É un documento que servirá de marco programático para as políticas autonómicas que se desenvolvan ata 2025, co foco posto no fortalecemento dos recursos de apoio ás familias e na dignificación dos traballos de coidado. O Plan é o resultado dun proceso de participación aberto desde Igualdade a todas as consellerías e ao propio Consello Galego das Mulleres, no que están representados o asociacionismo feminino, organizacións empresariais e sindicais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O II Plan conta con 42 medidas que quedan artelladas en torno a cinco áreas estratéxicas: sensibilización e coñecemento, coeducación, xestión corresponsable dos tempos e dos espazos, compromiso co benestar laboral e fortalecemento dos recursos de apoio ás familias no apoio á crianza e para a asunción da corresponsabilidade entre homes e mulleres nos coidados.

Cun orzamento global de máis de 1.100 millóns de euros, destaca o esforzo investidor (cerca de 950M€) que no marco do plan se realizará para fortalecer os servizos públicos de apoio ás familias, para facilitar a conciliación e os coidados das persoas. Contempla medidas destacadas como a xa implantada gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos; axudas directas ás familias para asumir os gastos extra que implica ter crianzas; o impulso de programas e recursos de conciliación dirixidos aos núcleos con maiores necesidades de apoio á crianza; así como o fomento da implicación dos homes no ámbito dos coidados.

Unha das novidades do Plan radicará na creación dun repositorio de boas prácticas sobre conciliación e corresponsabilidade que permita inspirar ás diferentes entidades; e tamén, como novidade, o documento engade dous principios reitores, froito do proceso participativo de elaboración: un sobre a consideración da ruralidade e un segundo sobre discapacidade. Tamén incorpora ao seu título e contido o concepto de benestar laboral coa finalidade de consolidar accións de apoio e recoñecemento ás empresas para a implantación efectiva de medidas de conciliación, flexibilización do tempo de traballo e racionalización horaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2023