O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou hoxe na inauguración dun curso para a formación de asesores en cultivos intensivos, na sede de Horsal

A Xunta pon en valor a formación como elemento para a profesionalización do sector agroalimentario galego

José Luis Cabarcos destacou a horta como unha oportunidade de desenvolvemento para Galicia, que se verá reforzada cunha Estratexia sectorial específica e co novo Banco de xermoplasma e a posta a disposición dos agricultores das sementes conservadas

Cambados (Pontevedra), 23 de maio de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe na inauguración do curso organizado pola Xunta para a formación de asesores en cultivos intensivos, centrado na comercialización e na trazabilidade. Na súa intervención, o director puxo en valor o programa de formación para asesores das oficinas rurais que está a impulsar a Administración galega co obxectivo de actualizar os seus coñecementos e difundir boas prácticas do sector produtivo e cooperativista, ao tempo que se mellora a profesionalización do sector. 

Así, José Luis Cabarcos destacou a horta como unha oportunidade de desenvolvemento para Galicia, que se verá reforzada cunha Estratexia sectorial específica -ao igual que xa se fixo coas do leite, do viño e da carne- e co novo Banco de xermoplasma, no que se prevé un programa de traballo con agricultores para aproveitar as sementes conservadas.   

A xornada, que se está a celebrar na sede da cooperativa O Horsal, céntrase en diversos aspectos como a definición de surtido, a planificación de cultivos, as características do produto, as certificacións de calidade ou a clasificación e envasado do produto. Tamén nas distintas canles comerciais das que dispoñen, a comunicación e promoción do produto ou os prezos.

Así mesmo, durante a xornada visitaranse as instalacións de manipulación e envasado da cooperativa, onde se revisarán aspectos como o fluxo de produto, a trazabilidade e o funcionamento das distintas liñas de produción de ensaladas, leituga de primeira gama e pemento de Padrón, entre outros. Do mesmo xeito, farase unha exposición do funcionamento e plantexamento comercial de Horsal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2023