A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose, selaron o convenio para habilitar esta senda na estrada AC-406
A Xunta e o concello de Santa Comba colaboran na mellora da accesibilidade e mobilidade peonil entre o polígono empresarial e a avenida de Santiago
Habilitarase como senda peonil un treito da cuneta da AC-406 de case 700 metros de lonxitude, entre o acceso viario ao parque empresarial e a entrada ás fincas da marxe dereita da estrada
O itinerario conectará coas beirarrúas xa existentes na avenida de Santiago
A Xunta financiará as obras, cun investimento autonómico de preto de 45.000€, ademais de encargarse da súa contratación e execución
A Xunta e o Concello de Santa Comba colaboran na mellora da accesibilidade e mobilidade peonil na estrada AC-406, entre o polígono empresarial e a avenida de Santiago, no núcleo urbano do municipio coruñés.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou vía telemática coa alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose, o convenio de colaboración, que suporá un investimento autonómico de preto de 45.000 euros.
Os traballos comezarán pola limpeza e perfilado da cuneta actual, para proceder logo ao encofrado e revestimento da cuneta desde a última nave industrial ata o inicio das beirarrúas na avenida de Santiago, no núcleo urbano do concello.
Mediante este convenio, a Xunta asume a financiación íntegra dos traballos, así como a súa contratación e execución.
O Concello de Santa Comba, pola súa banda, realizará as xestións pertinentes para facilitar a execución da senda e, de forma previa ao inicio dos traballos, comprométese a asumir a titularidade deste treito da estrada, a excepción da calzada e beiravía, que seguirán sendo de titularidade da Xunta.
Na intervención prevese tamén a execución de accesos á fincas situadas na marxe dereita da
estrada autonómica AC-406 nos puntos quilométricos 28+150 e 28+050.