O DOG publica a encomenda do Sergas á Axencia Galega de Infraestruturas para a redacción do proxecto de construción do novo centro de saúde de Noia

O convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Noia permitirá erguer un novo centro sanitario que superará en máis do dobre a superficie do inmoble actual, pasando dos 1.780 metros cadrados, aos máis de 4.200 m2 cos que contará a nova infraestrutura

O novo centro de saúde contará con catro salas de técnicas para a realización de ecografías, espirometrías, retinografías, electrocardiogramas ou cirurxía menor

Así mesmo, disporá dunha consulta de hixienista dental e a área pediátrica ampliará os seus espazos para contar cunha sala de observación con capacidade para dous postos

Na zona do PAC, ampliarase a área de consultas e a sala de observación, e integrarase dentro deste edificio a base da ambulancia do 061

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, á encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas para a redacción do proxecto e a execución das obras do novo centro de saúde no concello de Noia.

Tras a recente aceptación da Xunta dos terreos gratuítos cedidos, de xeito gratuíto, por parte do concello noiés, comezan agora os trámites dun proxecto que permitirá edificar un centro sanitario que superará en máis do dobre a superficie do actual, ao achegarse aos 4.200 m2, fronte aos 1.780 do actual inmoble.

A cesión realizada polo consistorio é de cinco predios pendentes de agrupación, pertencentes ao proxecto de reparcelación da unidade de actuación número 3 de Noia, con situación no bloque cinco da Praza de San Lázaro.

O terreo cedido permitirá á Xunta erguer un novo centro de saúde que terá uso sanitario exclusivo – o actual comparte espazo con outros organismos-, mellorando así a súa organización asistencial, ademais de ampliar o número de salas e consultas.

Neste sentido, contará con catro salas de técnicas -tres máis que as actuais- onde se poderán realizar ecografías, espirometrías, retinografías, electrocardiogramas ou cirurxía menor. Así mesmo, tamén contará cunha consulta de hixienista dental xunto á de odontoloxía, e outros novos espazos entre os que se encontrar os vestiarios para os pacientes na área de fisioterapia.

Do mesmo xeito, as melloras tamén abranguen a área pediátrica, que ampliará os seus espazos e contará cunha sala de observación con capacidade para dous postos; ampliarase a área de consultas e a sala de observación da zona do PAC; e integrarase dentro deste edificio a base da ambulancia do 061.

Prestación asistencial a máis de 32.000 persoas

A execución do novo centro de saúde é froito do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Noia en outubro de 2022, para dar unha mellor resposta aos problemas de saúde da poboación mediante a mellora das dotacións e infraestruturas dedicadas á atención asistencial do Concello.

O pasado venres 19 de maio, o Consello da Xunta aceptaba os terreos cedidos polo consistorio para, de xeito inmediato, iniciar os trámite dun proxecto que dará lugar a unha infraestrutura sanitaria coa que se mellorará a prestación asistencial da poboación noiesa.

O centro de saúde de Noia atende a máis de 13.000 persoas deste concello e, a través do PAC, chega a 32.000, xa que dá servizo á veciñanza de Lousame, Outes ou Porto do Son. O novo centro suporá unha mellora na atención aos usuarios, e tamén para os preto de 50 profesionais que prestan servizo.

Os fondos para a redacción do proxecto están dispoñibles dentro da contía reservada nos Orzamentos deste ano para obras de atención primaria. Así, os orzamentos da Xunta para 2023 destinados a investimentos neste nivel asistencial acadan os 56 millóns de euros. O orzamento das obras de construción do novo centro de saúde de Noia, determinarase cando se realice o proxecto de construción.

Data de actualización: 23/05/2023