A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático reuniuse hoxe coa Federación galega de redeiras artesás O Peirao

A Xunta estudará colaborar co colectivo de redeiras en proxectos para fomentar o uso de material reciclado na súa actividade

Sagrario Pérez agradece o interese da entidade por participar de forma activa nas políticas medioambientais e anímaa a valorar a súa adhesión á Alianza galega polo clima

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023

A Xunta estudará a posibilidade de colaborar coa Federación galega de redeiras artesás O Peirao no impulso dalgún dos proxectos nos que traballa a entidade para facilitar a reciclaxe de residuos plásticos que recollen no mar co fin de darlles unha segunda vida e convertelos en aparellos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade, como por exemplo, agullas.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, reuniuse esta mañá con representantes da federación O Peirao, que aglutina ás diferentes asociacións de redeiras da costa galega.

Durante a xuntanza, trasladáronselle o seu interese por adquirir maquinaria específica para reciclar materiais plásticos así como por habilitar espazos de autorreparación nos portos onde operan. De igual xeito, as responsables da entidade tamén incidiron na importancia de que as redeiras reciban formación específica en materia de reciclaxe tendo en conta o labor que desenvolven desde o punto de vista da loita contra o lixo mariño e o feito de que nestes momentos xa utilicen material reciclado no seu día a día.

Tras agradecerlles o interese amosado por ter unha participación activa nas políticas medioambientais galegas, a directora xeral comprometeuse a estudar os seus proxectos e analizar incluso se algún deles podería acollerse ás ordes de axudas en materia de xestión de residuos que o seu departamento ten previsto convocar en breve ou ben optar a financiamento europeo a través dos fondos FEDER.

Por último e tendo en conta o compromiso medioambiental do colectivo, Sagrario Pérez tamén lles trasladou a posibilidade de que se adhiran como federación á Alianza galega polo clima, unha iniciativa de colaboración público-privada fronte ao cambio climático impulsada pola Xunta hai un ano e na que as súas propostas en materia de economía circular e de loita contra o lixo mariño poderían ter tamén encaixe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2023