A Xunta licita por máis de 530.000 € a redacción dos proxectos e a dirección de obra para a construción de 66 vivendas de promoción pública en Ourense

As vivendas edificaranse nas parcelas adquiridas o pasado decembro polo Instituto Galego da Vivenda e Solo á Sareb, cun investimento total previsto de ao redor de 12 M€

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023

A Xunta de Galicia acaba de licitar o contrato do servizo de redacción de estudo de detalle, redacción de proxecto e dirección de obra para a construción de 66 vivendas de promoción pública (VPP), cos seus correspondentes garaxes e rochos, nas parcelas 5, 6 e 7 do SU-48, Polígono 1, Praza de Cambedo de Raia, na cidade de Ourense.

O contrato licítase por un importe de 534.056,60 euros, con IVE incluído, e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 5 de xuño.

O prazo para a redacción do estudo de detalle será dun mes, mentres que para os proxectos básico e de execución será de cinco meses a partir da entrega do estudo de detalle (dous meses para o proxecto básico e tres para o de execución).

As vivendas construiranse en tres parcelas que foron adquiridas o pasado mes de decembro polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) á Sareb por un importe de máis de 1 millón de euros e estímase que a construción das 66 VPP proxectadas superará os 11 millóns polo que o investimento total previsto ascende a uns 12 millóns de euros.

Data de actualización: 22/05/2023