A Xunta detecta un caso de ave silvestre afectada por gripe aviaria na Coruña

Trátase dunha palleira parasita, que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Oleiros

A detección realizouse no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta e non vai afectar á valoración favorable do risco respecto á influenza aviaria que recentemente realizou o Goberno central

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023 A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun caso de ave silvestre afectado por influenza aviaria, confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Trátase dun exemplar de palleira parasita (stercorarius parasiticus), atopado con sintomatoloxía clínica na praia coruñesa do Orzán, e que morreu pouco despois. Trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, foi analizada en laboratorio, eliminándose posteriormente o cadáver conforme á normativa vixente.

Con este novo caso son seis os focos notificados en Galicia no presente ano 2023, correspondendo cinco a gaivotas e este último a unha palleira parasita. Desde o pasado mes de febreiro non se tiña detectado ningún caso na nosa comunidade autónoma.

A palleira parasita é unha ave mariña que habita no norte de Europa, Asia e Norteamérica, con grandes poboacións en Escocia e illas como Orcadas ou Shetland, e que pasa os invernos nos mares tropicais e océanos do Sur do planeta, por baixo do ecuador. Durante o outono e a primavera leva a cabo as migracións, polo que actualmente estaría pasando fronte ás costas galegas na súa viaxe cara ao norte.

Cómpre sinalar que aínda que é frecuente a súa observación en alta mar nos períodos antes indicados, na nosa comunidade non se reproduce nin aniña, de tal xeito que apenas toca terra, agás no caso de individuos enfermos ou moi debilitados. Por este motivo, é improbable o contacto coa fauna silvestre e doméstica autóctona.

Valoración favorable do risco

A notificación deste foco non vai afectar á valoración favorable do risco respecto á influenza aviaria que recentemente realizou o MAPA, o que levou ao levantamento de diversas prohibicións e obrigas en determinados concellos, manténdose unicamente en Galicia certas medidas nos concellos que pertencen á Zona de Especial Risco (ZER). A razón de que este foco non afecte a esta avaliación do risco é polo carácter mariño da ave atopada e a non interacción das palleiras parasitas coa fauna galega.

Non obstante, dada a importancia do sector avícola na nosa comunidade, cómpre continuar coas medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Lémbrase de novo que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais.

Data de actualización: 22/05/2023