A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitou hoxe o CEIP Virxe do Camiño, en Rubiá
A Xunta incide na importancia de concienciar á mocidade de cara á preservación da biodiversidade
Do Campo fai fincapé na necesidade de coidar, valorar e protexer as distintas especies da flora e fauna que habitan no noso territorio
O Goberno galego edita a colección de materiais Flora endémica ameazada de Galicia para divulgar a gran beleza destas especies, que se caracterizan por presentar un rango xeográfico reducido e só crecen en determinados tipos de hábitats
Rubiá (Ourense), 22 de maio de 2023 A Xunta de Galicia incidiu na importancia de concienciar ao alumnado da importancia de preservar a flora endémica ameazada da Comunidade, tal e como subliñou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a visita que realizou ao CEIP Virxe do Camiño, en Rubiá, con motivo do Día internacional da biodiversidade.
Así, para seguir avanzando cara a unha maior concienciación da sociedade sobre a importancia de garantir a preservación da nosa biodiversidade, a Xunta editou unha colección de materiais, que, baixo o título Flora endémica ameazada de Galicia, pretende divulgar a gran beleza destas especies, que se caracterizan por presentar un rango xeográfico reducido e só crecen en determinados tipos de hábitats.
A maiores, logo de salientar que a diversidade biolóxica é un ben de gran valor para as xeracións presentes e futuras, Do Campo incidiu no traballo que se está a desenvolver no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, que é o espazo protexido que sustenta a mellor representación da vexetación mediterránea de toda Galicia.
Nesa liña, a directora xeral, que tamén se desprazou hoxe a este espazo protexido para visitar algunhas das actuacións desenvolvidas de cara a garantir a preservación da súa biodiversidade, explicou que este parque é un área de “elevada orixinalidade botánica” xa que nela se localizan un gran número de taxons vexetais que están ausentes do resto do territorio galego, ben por tratarse de plantas calcícolas ben polas súas preferencias bioclimáticas termófilas.