A Xunta distingue o Ligal pola súa nova tecnoloxía para a trazabilidade da orixe alimentaria de mostras de leite de vaca que servirá de soporte á nova marca de pastoreo

Abegondo (A Coruña), 20 de maio de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, vén de entregarlle ao Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) unha mención especial no marco do III Foro de innovación produtiva do sector agrario que se celebrou o pasado mes de marzo, polo deseño dunha nova tecnoloxía para a trazabilidade da orixe alimentaria de mostras de leite de vaca. 

O obxectivo central do proxecto do Ligal -apoiado pola Xunta- é obter unha tecnoloxía de discriminación da orixe alimentaria de mostras de leite en base á análise do espectro óptico das mostras, para servir de soporte á marca de leite de pastoreo impulsada polo Goberno galego. Así, examinarase o efecto da proporción de pasto fresco na ración, o tempo pasado polas vacas no pasto e o manexo en ecolóxico sobre o perfil de ácidos graxos do leite, entre outros. Na iniciativa colaborou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.   

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2023