A Xunta impulsa en Santiago o Primeiro Encontro Profesional Galego de Construción de Instrumentos Musicais

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá o evento, que se celebra no Colexio Maior Santo Agostiño

Na programación inclúense debates e conferencias sobre formación, comercialización, presentación de instrumentos de cinco luthieres de Artesanía de Galicia, música en directo e unha exposición de instrumentos

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2023 A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá no Colexio Maior Santo Agostiño, en Santiago de Compostela, o 1º Encontro Profesional Galego de Construción de Instrumentos Musicais, Labra. O evento, que remata mañá domingo, está organizado pola Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais e conta co apoio da Xunta de Galicia.

No evento inclúense actividades exclusivas para asociados como unha mesa redonda sobre eventos comerciais e formativos do gremio, outra sobre ensino privado dentro dos talleres ou a luthería e os medios de comunicación. A programación para o público xeral abriuse onte cunha conferencia de Luisa Willsher, da empresa de madeiras para instrumentos musicais Madinter, sobre a certificación e a documentación para os instrumentos musicais. O venres pola tarde, tiveron lugar as intervencións de dous luthieres de guitarras que forman parte da marca Artesanía de Galicia que explicaron como traballan nos seus respectivos talleres: Marcos Domato (Vigo) e Pablo Sánchez (A Coruña).

Hoxe pola tarde será a quenda dos profesionais de Artesanía de Galicia que presentarán tamén as súas pezas: O Reberete (Maside), especializado en instrumentos tradicionais galegos e que falará sobre as últimas innovacións no seu taller; e Suso Gestal (Frades), que presentará a zanfona modelo “Rianxo”, seguido dun breve concerto de Ariel Ninas; e José Catoira (A Coruña), que falará do violín de 5 cordas na música galega.

O domingo as conferencias da tarde correrán a cargo de Pablo Quintana, da Editorial Canela, que falará sobre “O eco das estrelas”; Francisco Luengo, que explicará a recuperación dos instrumentos musicais desaparecidos; e Iñaki Leza, de Acleto Consulting, que falará sobre conceptos básicos sobre vendas internacionais.

Durante toda a fin de semana haberá tamén unha exposición de instrumentos musicais que se poderá visitar en horario de 11:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas e a programación do evento incluíu tamén o concerto de Capela Compostelana na Igrexa de Santo Agostiño, celebrado onte pola noite.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2023