A Xunta promove en Cambre un curso especializado en tintes naturais para profesionais de Artesanía de Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá o desenvolvemento do curso de formación de tina de índigo para fibras vexetais, no que participan unha decena de artesáns

O curso estase a celebrar desde onte no taller de Belategui Regueiro e está impartido por Marian Martínez González, de Kokoro Índigo Culture, especialista no tinguido con esta planta

Cambre (A Coruña), 20 de maio de 2023 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá o obradoiro dos artesáns Belategui Regueiro, en Cambre, onde se está a desenvolver desde onte o curso de formación de tina de índigo para fibras vexetais, dirixido a profesionais de Artesanía de Galicia e impulsado pola Xunta de Galicia.

O curso está impartido por Marian Martínez González, artesá e investigadora especialista en tinguido natural a partir do índigo. No seu estudio téxtil, Kokoro Índigo Culture, Marian realiza todos os procesos con esta planta que tradicionalmente se levaba a cabo de maneira separada: desde o cultivo do índigo, a preparación das tinas, o tinguido e o deseño. As fibras tinguidas con índigo natural empréganse desde a antigüidade da roupa diaria. Son duradeiras e teñen efectos antisépticos, desintoxicantes e de retención da calor.

O obxectivo do curso –no que participan 10 profesionais de Artesanía de Galicia– é comprender o funcionamento dunha tina de índigo desde cero a partir da elaboración da propia tina, da explicación teórica do seu proceso e do tinguido práctico de diferentes fibras vexetais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2023