A Xunta agradece o traballo dos promotores da planta de hidróxeno verde das Pontes para que o proxecto estea máis preto de ser unha realidade para Ferrolterra

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión en Ferrol con representantes do proxecto para avaliar o seu avance

O seguinte paso é lograr un compromiso do Goberno central para que a iniciativa conte coas infraestruturas eléctricas necesarias que garantan a súa viabilidade e posta en marcha

Ferrol, 20 de maio de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión cos promotores do proxecto H2Pole nas Pontes para avaliar os últimos avances da futura planta de hidróxeno verde, declarada proxecto industrial estratéxico, e cuxa solicitude de autorización ambiental integrada, estudo de impacto ambiental, declaración de utilidade pública e proxecto se atopan sometidos a información pública.

Durante o encontro, o vicepresidente económico quixo agradecerlles o seu traballo para que este proxecto estea máis preto de ser unha realidade para Ferrolterra. Conde asegurou que esta planta será unha peza fundamental para a descarbonización do sector enerxético galego, contribuíndo a facer de Galicia unha rexión referente nesta enerxía. Do mesmo xeito, favorecerá a reindustrialización da comarca.

Segundo os datos dos seus promotores, o proxecto -que conseguiu 15 M€ a través do Perte de enerxías renovables, hidróxeno renovable e almacenamento- contará cun investimento de 156 millóns de euros, xerará máis de 60 empregos e terá unha capacidade inicial de 20 MW, ampliable ata os 100, co obxectivo de que poida estar operando antes de 2026. Para iso precisará as infraestruturas eléctricas necesarias que garantan a súa viabilidade e posta en marcha, polo que é preciso a confirmación por parte do Goberno central da posibilidade de que os proxectos que se vaian implantar nas Pontes poidan acceder á rede de 400 kV no nó existente e determinar que potencia terán dispoñible.

Conde agradeceu a aposta que Reganosa está facendo por Galicia a través non só desta planta de hidróxeno, senón tamén do centro de produción de fertilizantes e biometano e a planta de hidróxeno, ambos os dous en Meirama (Cerceda), ou o acordo con Enagás, estratéxico para conseguir investimentos para a Comunidade como o hidroduto Guitiriz (Lugo)-Zamora que unirá Galicia co resto da Península Ibérica e con Europa.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2023