A Xunta analiza co Club Can de Palleiro a situación desta raza autóctona na comunidade

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2023

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse recentemente co presidente do Club Can de Palleiro, Juan Carlos Puente, para analizar a situación desta raza autóctona na comunidade no marco das reunións de seguimento que realizan de xeito periódico.

 

Logo de subliñar que na actualidade constan máis de 2.200 exemplares desta raza no Libro xenealóxico que xestiona esta entidade, Do Campo incidiu no importante papel que realizan os cans de palleiro nas tarefas de protección e defensa do gando, na mesma medida que outras razas como, por exemplo, os mastíns.

 

De feito, o presidente deste Club puxo en valor que a orde de axudas para cans protectores e defensores do gando, que convoca a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de cara á prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre, menciona expresamente as condicións para a adquisición desta especie.

 

De feito a concesión da axuda vén condicionada pola obriga de presentar o certificado que acredite que o animal está rexistrado no Libro Xenealóxico da Raza Canina Autóctona Can de Palleiro.

 

A maiores, durante a reunión tamén abordaron a preocupación deste colectivo pola recente aprobación da lei estatal de protección de dereitos e benestar dos animais e os efectos que poida ter a súa aplicación sobre esta raza autóctona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2023