O Diario Oficial de Galicia publica mañá a nova convocatoria de accións formativas para cualificar unhas 23.000 persoas desempregadas

As accións, ás que a Xunta destina 70M€, serán impartidas por centros acreditados

Seguirase a apostar pola formación flexible e adaptada ao alumnado

Serán colectivo prioritario persoas afectadas por ERTE, con discapacidade, mulleres, vítimas de violencia de xénero, menores de 30, desempregados de longa duración ou emigrantes retornados

O Goberno galego impulsará as especialidades con maior demanda laboral a nivel galego e comarcal
 

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá a nova convocatoria de axudas para financiar accións formativas promovidas por centros acreditados e dirixidas a mellorar a cualificación dunhas 23.000 persoas desempregadas no período 2023-2024 ás que o Goberno galego destinará 70M€.  

Con esta convocatoria, que manterá aberto o seu prazo de solicitude ata o próximo 22 de xuño, perséguese mellorar a cualificación de galegas e galegos non ocupados, como unha das claves para avanzar na súa inserción laboral.  As accións están dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas e ás necesidades de adaptación aos cambios operados nos sectores produtivos.

A convocatoria volve apostar pola formación flexible e adaptada ás necesidades do alumnado e ábrese a persoas traballadoras afectadas por ERTE, suspensións de contratos de traballo ou con redución de xornada, así como as galegas e galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poderán tomar parte nestas accións, ademais, cun tope do 30% de participación, traballadores ocupados, sempre que as prazas non se cubran na súa totalidade con desempregados.  

Serán beneficiarios das achegas centros ou entidades de formación debidamente acreditados para impartir formación profesional para o emprego en Galicia en modalidade presencial, a distancia ou mixta.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade simplificou este ano a estrutura e contidos do texto normativo así como todas as fases do proceso. En canto aos criterios de avaliación técnica das solicitudes, priorizaranse especialidades formativas con maior demanda a nivel Galicia e comarca e se valorará o grao de execución das actividades formativas concedidas en convocatorias anteriores. O Goberno galego quere impulsar tamén novas certificacións de organismos acreditados relativas á seguridade da información, xestión ambiental e responsabilidade social.

Na fase de tramitación, a Xunta de Galicia terá en conta a participación nas formacións de colectivos prioritarios como mulleres, vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos, desempregados de longa duración e emigrantes retornados. Así mesmo mantense o apoio ás actividades con participación do 100% do alumnado con discapacidade.

Unha vez concretada a oferta, os alumnos e alumnas poderán acceder a estes cursos a través das oficinas de emprego de Galicia, da páxina web: https://emprego.xunta.gal ou mediante solicitude directa ás entidades beneficiarias.  

A Xunta aposta un ano máis por esta liña de axudas para brindar unha formación para o emprego de calidade, de feito, a inserción laboral media que se acada con estas accións formativas sitúase no 69%.

O programa insírese no Plan galego de formación para o emprego, dotado para o presente ano con máis de 125 millóns de euros, para continuar a impulsar unha formación dual e flexible, axustada ás tendencias do tecido produtivo para enfrontar os retos inmediatos consecuencia do proceso de dixitalización e economía verde en auxe.

Data de actualización: 21/05/2023