A Xunta publica no DOG a nova encomenda á empresa pública Seaga do control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas, cun investimento de case 3 M€

Este contrato, cunha vixencia de 24 meses, dálle continuidade aos programas de limpeza das marxes das vías autonómicas que se veñen executando nos últimos anos

Os traballos consisten no roce de vexetación e arbustos na zona de dominio público das estradas autonómicas, incluíndo o apeo, retirada ou acopio de residuos

As actuacións tamén inclúen o acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral

Estas tarefas teñen como obxectivo contribuír á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria, pois reforza a visibilidade, facilita o tránsito de peóns e ciclistas e evita que as árbores poidan caer á calzada en caso de temporal

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a nova encomenda á empresa pública Seaga de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas que suporá un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://xurl.es/4u0o2

O encargo, cunha vixencia de 24 meses, permite darlle continuidade aos programas de limpeza das marxes das estradas autonómicas que se veñen executando de forma continua nos últimos anos.

Os traballos consisten no roce de vexetación e arbustos na zona de dominio público das estradas autonómicas, incluíndo o apeo, retirada ou acopio de residuos.

 Ademais, realízanse traballos de acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

Estas actuacións teñen como obxectivo contribuír á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías.

Cómpre lembrar que a Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia recolle a busca da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa presente de modo que as estradas actúen como “cortalumes”.

Por outra parte, o control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria, xa que reforza a visibilidade nas estradas, facilita o tránsito de peóns e ciclistas e evita que as árbores poidan caer á calzada en caso de temporal.

Este contrato tamén posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.

 

Data de actualización: 19/05/2023