A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse con representantes da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia

A Xunta lembra que xa está aberto o prazo para solicitar axudas para contratar persoas coidadoras de gando extensivo para previr danos causados polo lobo

A contía das axudas poderá acadar o 100% dos gastos subvencionables cun importe máximo de 18.000 euros por persoa beneficiaria

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023

A Xunta mantén aberto o prazo para solicitar axudas para contratar persoas coidadoras de gando extensivo para previr danos causados polo lobo, tal e como lembrou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante a reunión que mantivo con representantes da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica). 

Logo de incidir en que a prevención é fundamental para compatibilizar a gandería coa presencia e conservación do lobo na Comunidade, Do Campo subliñou que esta nova liña de axudas, que conta cun orzamento inicial de preto de 180.000 euros -ampliable segundo a demanda-, ten como obxectivo axudar ao sector gandeiro en extensivo na contratación de persoal para desenvolver tarefas de pastoreo e manexo de reses co fin de protexer, na medida do posible, aqueles rabaños máis sensibles e susceptibles de sufrir un maior risco de predación.  

Cómpre lembrar que na última década máis do 60% das reses afectadas polo lobo foron ovellas e cabras e, de feito, os representantes de Ovica puxeron en valor esta liña de axudas como complemento ás restantes medidas que se están a aplicar nesta cuestión.  

A directora xeral explicou que beneficiarse desta iniciativa os titulares de explotacións de gando ovino, cabrún, bovino e equino, que figuren inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia (REGA), que terán ata o 12 de xuño para presentar as solicitudes e ata o 4 de decembro de 2023 para xustificar a anualidade deste ano e ata o 30 de xullo do vindeiro ano 2024 no caso da seguinte anualidade. 

A contía das axudas poderá acadar o 100% dos gastos subvencionables cun importe máximo de 18.000 euros por persoa beneficiaria. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa. Cómpre salientar que esta orde prevé a opción de que se faga o abono dun único pagamento por anticipado correspondente á anualidade de 2023. 

No caso dunha duración inferior a un mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación, un límite de 9 euros por hora traballada. 

A concesión das axudas realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas, de acordo con criterios de valoración como o tipo de gando, a existencia na explotación de cans protectores e defensores, a constancia de danos ocasionados polo lobo, o número de cabezas afectadas ou a superficie declarada na PAC no ano 2022.

A Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia foi fundada en 1994 converténdose na primeira e única asociación que logra agrupar a produtores deste tipo de gando, tanto de carne como de leite no conxunto de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2023