A Futura Lei de recursos naturais impulsada pola Xunta de Galicia inclúe unha ánalise integral dos efectos e medidas de compensación dos proxectos

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, reuniuse hoxe co Comité Executivo de Desenvolvemento Mineiro do Consello Galego de Economía e Competitividade para informar do anteproxecto de lei

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na reunión do Comité Executivo de Desenvolvemento Mineiro do Consello Galego de Economía e Competitividade para informar do anteproxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

Tal e como explicou, o documento está na fase de información pública para recibir achegas que permitan mellorar a futura norma co obxectivo de contar cunha lei froito do consenso e a participación.

Precisamente as iniciativas mineiras son unha das tipoloxías de proxectos que esta lei recolle e para os que, xunto cos que fan un uso intensivo da auga e os relacionados coa produción de enerxía a partir de fontes renovables, establece unha análise integral dos seus efectos e medidas de compensación. Así, un dos aspectos máis novidosos é a incorporación da valoración dos efectos sociais e económicos dos proxectos na declaración de impacto ambiental.

En concreto, faise referencia á mellora das condicións de vida das zonas ricas en recursos naturais, á protección do medio ambiente, á promoción de investimentos e mecanismos de reinvestimento dos beneficios, á creación de emprego, ao impulso da participación nos proxectos de investidores locais e administracións, ou á redución dos custos da enerxía e da dependencia enerxética dos consumidores.

O texto legal conta cun título preliminar e sete títulos nos que se regulan diferentes aspectos como o obxecto da norma e a definición dos beneficios sociais e económicos;
a análise integral á que serán sometidos os proxectos; a constitución dunha sociedade mixta que poderá ser titular de proxectos de aproveitamento de recursos; a creación dun canon para gravar as liñas eléctricas que conectarán os parques da enerxía eólica mariña; o desenvolvemento dos proxectos de autoconsumo nas áreas empresariais; así como a creación dun fondo da Xunta de Galicia para a recuperación de territorios afectados por incendios e que contará con achegas de empresas; o impulso dun sistema voluntario de créditos de carbono ou a xestión de biorresiduos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2023