A Xunta inicia as obras de mellora do saneamento de Ver e de Boebre, no concello de Pontedeume, que supoñen un investimento de máis de 955.000 €

Os traballos están a comezarse pola execución da gabia da tubaxe de impulsión do bombeo da praia de Ver

O obxectivo da actuación é eliminar os vertidos procedentes destes núcleos, para o que se construirá unha nova estación de bombeo en Ver e nova rede de colectores e impulsión, ademais dunha estación depuradora en Boebre

A Xunta financia integramente as actuacións e executa as obras, que contan cun prazo de execución de seis meses

Con estas actuacións da Xunta darase servizo a unha poboación máxima na época estival de 1.967 habitantes equivalente no ano horizonte 2042

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar as obras de mellora do sistema de saneamento municipal nos núcleos de Ver e de Boebre, no concello de Pontedeume.

 
As obras, cun investimento de máis de 955.000 euros e un prazo de execución de 6 meses, están a comezarse pola execución da gabia da tubaxe de impulsión do bombeo da praia de Ver.
 
O obxectivo desta colaboración da Xunta co Concello de Pontedeume é eliminar os vertidos procedentes destes núcleos, para o que se construirá unha nova estación de bombeo en Ver e unha rede de colectores e impulsión, así como unha nova depuradora de augas residuais no núcleo de Boebre.

A administración hidráulica da Xunta asume integramente o financiamento das actuacións destinadas á eliminación dos vertidos incontrolados ao medio procedentes dos núcleos de Ver e de Boebre.  Augas de Galicia asume a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, o Concello de Pontedeume, como titular das competencias en materia de saneamento, asume a posta á disposición dos terreos necesarios e a recepción ao termino das obras das novas infraestruturas, o seu mantemento e conservación.

As obras serán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

Obxectivos das obra en execución

As augas residuais xeradas na aglomeración de Ver desembocan directamente na praia mediante unha condución de vertido ao mar, en condicións deficientes e sen ningún tipo de tratamento previo. Así mesmo, a aglomeración de Boebre dispón dun sistema de saneamento que dirixe as súas augas cara a unha fosa de formigón, situada próxima á zona de Punta Camoucedo, cuxo obxectivo é realizar un tratamento primario ás augas residuais antes do seu vertido ao mar.

A solución adoptada para a aglomeración de Ver trata de incorporar este núcleo de poboación ao sistema de saneamento da depuradora de Pontedeume. Así, as obras que se executan conforme ao proxecto redactado pola entidade hidráulica da Xunta inclúe a implantación dun pozo de bombeo que impulse as augas residuais xeradas cara a estación depuradora de augas residuais de Pontedeume. Para iso estas augas serán rebombeadas nos pozos de bombeo de Vizús e de Centroña, polo que se renovarán estes bombeos, para que se adapten á xestión dos novos caudais xerados na rede. 

No núcleo de Boebre está prevista a execución dunha estación depuradora de augas residuais cunha capacidade de 50 habitantes equivalentes. As obras iniciadas agora prevén na situación da fosa séptica existente a implantación dun sistema de tratamento in situ consistente nun pretratamento e un tratamento primario e un tratamento secundario de leitos bacterianos. O vertido ao medio realizarase mediante un pozo filtrante.

Con estas actuacións da Xunta prevese dar servizo a unha poboación máxima na época estival de 1.967 habitantes equivalente no ano horizonte 2042.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2023