Miranda saúda aos case 100 emprendedores retornados que iniciaron o programa Merlo de mentorización da man da Fundación Ronsel

O secretario xeral da Emigración participou nas xornadas en liña que desenvolveu a entidade e que teñen como obxectivo aportar as ferramentas necesarias para que estes empresarios retornados poñan en marcha iniciativas con proxección de futuro

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu as sesións iniciais do programa Merlo que desenvolve, de xeito telemático, a Fundación Ronsel e que teñen como obxectivo aportar as ferramentas necesarias aos galegos retornados que están a apostar por crear as súas empresas en Galicia. Deste xeito, búscase que estas iniciativas empresariais conten con proxección de futuro.

Co Programa Merlo, a Secretaría Xeral, en colaboración coa Fundación Ronsel, busca dar o maior apoio posible a estes novos empresarios para consolidar os seus negocios na comunidade autónoma galega. Tras estas primeiras sesións, continuaranse a desenvolver xornadas formativas centradas en aspectos como o márketing, a transformación dixital, a xestión e dirección de empresa, a comunicación, as vendas ou a potenciación de marcas.

Este programa ofrece mentores a case un centenar de emprendedores galegos retornados de cara a o apoio e acompañamento no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios ou actividades profesionais, “de xeito que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia”, tal e como indica o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

A figura do mentor axuda a reforzar as súas habilidades e fortalezas para potenciar e consolidar os seus proxectos profesionais, contribuíndo así a mellorar a súa competitividade e produtividade do seu negocio en Galicia.

A Fundación Ronsel ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego, e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, entre as que están incluídos os galegos emprendedores retornados, sendo un referente en Galicia no uso da ferramenta de mentoría.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2023