A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, deron conta esta mañá desta convocatoria nunha xornada informativa

A Xunta ten aberto ata o 8 de xuño o prazo para solicitar as axudas para financiar os CIM e fomentar a igualdade

A orde contempla tres liñas de achegas orientadas a soster os gastos das persoas que desenvolven o seu traballo nos Centros de Información á Muller (CIM), a desenvolver programas municipais de igualdade e prevención da violencia de xénero e a fomentar a conciliación a través do Plan Corresponsables no ámbito local

Ferrol, 19 de maio de 2023 A Xunta de Galicia ten aberto ata o próximo 8 de xuño o prazo para solicitar as axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o financiamento dos Centros de Información á Muller (CIM), programas de promoción da igualdade e prevención e tratamento da violencia de xénero e o Plan Corresponsables no ámbito local de fomento da conciliación.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informaron desta convocatoria dotada de 9,3 M€ no marco dunha xornada informativa dirixida ás entidades locais (concellos, consorcios ou mancomunidades) que son as posibles beneficiarias e que poden cursar a solicitude de xeito individual ou compartido.

En canto á dotación económica, a secretaria xeral indicou que a Xunta destinará 4,3 millóns de euros a financiar o labor dos CIM, concretamente os gastos do persoal responsable da dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero que desenvolven o seu traballo nestes centros.

A delegada territorial, pola súa banda, destacou a importancia do traballo que se desenvolve nos CIM da zona -Ferrol, As Pontes, Ares e Ortigueira- que dan servizo a oito concellos (o de Ortigueira presta servizo agrupado cos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido e Mañón). “Trátase dun recurso de proximidade para a atención ás mulleres e, de forma especial ás vítimas de violencia de xénero”, indicou.

Prevención da violencia de xénero

Poroutra banda, o Goberno galego destinará tamén 500.000 euros para accións municipais de promoción da igualdade e prevención e tratamento da violencia de xénero, medidas que estarán dirixidas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade como  vítimas de violencia de xénero, explotación sexual, inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría étnica, reclusas ou perceptoras de rendas de integración, entre outras.

A terceira liña comprende as axudas de fomento da conciliación a través do Plan Corresponsables no ámbito local dotado de preto de 4,5 M€. Neste caso serán subvencionables as actuacións orientadas a facilitar a conciliación das familias con fillos menores de ata 16 anos de idade, con prioridade á atención de familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero, desempregadas de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares con cargas relacionadas cos coidados.

Nesta liña encádrase a posta en marcha de servizos municipais vinculados ao coidado profesional de menores tanto no domicilio como en dependencias públicas e o deseño de plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade destinados aos homes e ás familias en xeral.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2023