O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participaron na entrega dos títulos de propiedade a preto de 120 veciños

A Xunta remata a parcelaria de Fonteo, no concello lugués de Baleira, tras reorganizar unha superficie de case 150 hectáreas

José González destacou que, grazas a este traballo, a superficie media das parcelas case se triplicou, pasando de 2.697 a 7.304 metros cadrados e de 544 predios a 199 parcelas finais

Puxo en valor que desde o ano 2020, a Xunta rematou un total de 27 concentracións parcelarias -contando a de hoxe-, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.700 hectáreas, beneficiando máis de 13.200 propietarios

Ademais das parcelarias, a Xunta aposta polos mecanismos de mobilización que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria e coa que, en case dous anos de vixencia, se están mobilizando arredor de 10.000 hectáreas en toda Galicia

Baleira (Lugo), 18 maio de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo alcalde de Baleira, Ángel Martínez-Puga, entregou esta mañá os títulos de propiedade da concentración parcelaria de Fonteo, neste concellos lugués. Este proceso de reestruturación da propiedade afectou unha superficie de 145 hectáreas, pertencentes a 112 veciños.

Neste acto, o conselleiro destacou que, grazas a este traballo, pasouse de 544 predios a 199 parcelas finais. Desta forma, a superficie media das parcelas case se triplicou, ao pasar de 2.697 a 7.304 metros cadrados.

Así, advertiu José González, as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Por iso, apuntou, as novas concentracións teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Neste senso, sinalou que a Xunta seguirá entregando títulos noutras áreas de Galicia e decretaranse novas zonas onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias. 

De feito, desde o ano 2020, salientou o conselleiro, a Xunta rematou un total de 27 concentracións parcelarias -contando a de hoxe-, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.700 hectáreas, beneficiando máis de 13.200 propietarios que recibiron preto de 29.300 títulos de propiedade.

Nesta liña, José González reiterou a aposta da Xunta polas parcelarias, que definiu como unha “ferramenta fundamental para paliar o minifundismo” e recordou que dende o ano 2021 se decretaron 28 novas parcelarias en Galicia, que abarcan un total de 22.881 ha e 109.949 parcelas de 16.098 titulares.

Lei de recuperación

Ademais, xunto coas parcelarias, engadiu o conselleiro, impulsaranse tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Uns mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Precisamente, destacou José González, en case dous anos de vixencia desta norma estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas en toda Galicia, entre os 21 polígonos agroforestais en distintas fases, as 21 aldeas modelo declaradas e diversas permutas agrarias. Ademais, desde 2020, mobilizáronse 35.000 hectáreas mediante estas figuras, incluíndo as mobilizadas nas concentracións parcelarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/05/2023