O Bono Activa Comercio da Xunta mobiliza un millón de euros en vendas en día e medio de funcionamento

A iniciativa que botou a andar este luns suma xa preto de 6.000 comercios participantes, nos que se realizaron xa descontos por máis de 200.000 euros

Os bonos, en formato QR, son de 30 euros por persoa e poderán utilizarse ata que o importe total dos descontos utilizados alcance os 2,5 millóns de euros que a Administración autonómica destina ao programa nesta convocatoria
 

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2023

O programa do Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia, que botou a andar, onte, 15 de maio, mobiliza xa preto dun millón de euros en vendas en día e medio de funcionamento. Así, na xornada do luns e na mañá do martes realizáronse descontos por máis de 200.000 euros, mentres que o número de comercios adheridos á iniciativa é de 5.972. Destes, 2138 son da provincia da Coruña, 854 de Lugo, 914 de Ourense e 2066 de Pontevedra.

As persoas consumidoras poden descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que poden continuar sumándose á iniciativa ata o 1 de setembro. A terceira edición deste programa conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, contribuíndo así a dinamizar o sector e a implicar á cidadanía no impulso ao comercio de proximidade.

Os bonos teñen formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar. Ata o de agora, os descontos realizados superan os 200.000 euros.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2023