A Xunta aposta pola cooperación público-privada para fomentar o I+D+i no sector forestal e procurar destinos industriais de alto valor engadido para os seus recursos

O director da Axencia Galega da Industria Forestal vén de coñecer o traballo en I+D+i que o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial está a desenvolver para pór en valor os recursos forestais, apostando pola colaboración en futuros proxectos

Trátase de impulsar a aplicación e difusión da innovación para a xeración de novos biomateriais

Aproveitou para facer alusión ao proxecto tecnolóxico para a valorización sustentable das masas de frondosas caducifolias de Galicia, para o período 2023-2025, que está centrado en especies coma o carballo ou o castiñeiro

Culleredo (A Coruña), 17 de maio de 2023 O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, vén de visitar as instalacións do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), onde coñeceu de primeira man as súas liñas de traballo e os seus proxectos de investigación.

Este centro é un espazo técnico de carácter privado dirixido á investigación. Entre as súas liñas de traballo figuran as centradas na xeración de novos materiais, algúns deles baseados na xeración de micro e nanopartículas de celulosa para o seu uso en produtos industriais estratéxicos ou a posta a punto de procesos de biorrefino para a obtención de produtos de alto valor engadido a partir de lignina.

Neste contexto, Jacobo Aboal participou nesta visita apostando pola cooperación en futuros proxectos conxuntos, á vez que recordou o papel da Axencia -dependente da Consellería do Medio Rural- na promoción da madeira e na busca de destinos industriais de alto valor engadido baseados en materiais lignocelulósicos. De feito, mencionou o proxecto tecnolóxico para a valorización sustentable das masas de frondosas caducifolias de Galicia, para o período 2023-2025, que está centrado en especies coma o carballo ou o castiñeiro.

Aproveitamento sustentable da madeira de frondosas

O proxecto contempla ata 11 accións diferentes, todas elas na liña de incidir no aproveitamento de masas de frondosas de pequeno porte e baixa calidade, de forma que, a través de operacións silvícolas, estas se convertan nun futuro en masas con madeira de alta calidade.

Así, instalaranse parcelas de experimentación, aplicaranse os modelos silvícolas dispoñibles en Galicia para as frondosas caducifolias, procederase ao estudo e caracterización básica das madeiras e seleccionaranse as especies con maior interese de valorización e análise de posibles usos e aplicacións industriais en Galicia, explorando, entre outras, a transformación química para a obtención de produtos de alto valor engadido.

Plan Forestal de Galicia

O Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” estableceu unha medida denominada “Programa de fomento da produción de madeira de frondosas de alto valor” que ten como un dos seus obxectivos poñer a disposición do mercado materia prima de alta calidade de masas de frondosa caducifolia, prestando especial atención ao incremento do uso de madeira estrutural na construción, potenciando tanto beneficios aos propietarios como unha mellora da economía verde.

Esta iniciativa está perfectamente aliñada coa Axenda de impulso da Industria Forestal-Madeira de Galicia elaborada pola Axencia Galega da Industria Forestal, unha medida do propio Plan Forestal de Galicia. Esta Axenda incorporou na súa última revisión unha nova medida dirixida á dinamización e recuperación de frondosas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/05/2023