A Xunta seguirá a colaborar co mantemento da casa de acollida a vítimas da violencia de xénero de Ourense

Por quinto ano, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará 252.000 para o mantemento deste recurso que xestiona a Fundación Amaranta

A de Ourense é unha das sete casas de acollida para mulleres e menores afectados por esta lacra, as outras seis están na Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo, Burela e Chantada
 

Ourense, 18 de maio de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade seguirá a colaborar coa Fundación Amaranta no mantemento da casa de acollida de Ourense, no que residen mulleres e menores afectados por violencia de xénero.

O centro de Ourense é un dos sete recursos -casas de acollida, vivendas tuteladas e un centro de emerxencia- que forman parte da Rede Galega de Acollemento que ofrece máis de 80 prazas temporais de acollida ás mulleres e ás súas fillas e fillos, situadas na Coruña, Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo, Burela e Chantada.

Co convenio autorizado xa polo Consello da Xunta, e dotado con 252.000 euros con cargo ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, garántese o mantemento da casa de acollida, a única en Ourense, para mulleres que sofren violencia de xénero e ás súas fillas e fillos, garantíndolles un espazo de protección e de recuperación.

A Fundación de Solidariedade Amaranta, como titular deste centro de acollida, xestiona a vivenda desde o pasado ano 2019. O recinto ofrece apoio residencial e temporal e atende e contribúe á recuperación das mulleres vítimas de violencia de xénero e menores ao seu cargo. Para acadalo, ponse ao seu dispor un espazo de protección coa garantía dun tratamento integral que presta atención a aspectos de carácter psicolóxico, educativo, sociolaborais e xurídicos, co obxectivo de favorecer a normalización da situación persoal, da unidade familiar e, en definitiva,  a superación dos efectos da violencia.

O Goberno galego quere seguir apoiando ás vítimas da violencia de xénero co mantemento do centro de acollida. A través deste convenio téntase mellorar na resposta que, desde as institucións, se proporciona ás mulleres vítimas.

Data de actualización: 18/05/2023