A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático asistiu hoxe en Madrid á entrega de trofeos aos galardoados nos premios Cidades Sostibles & TIC

A Alianza galega polo clima impulsada pola Xunta recibe un premio ás boas prácticas medioambientais

A iniciativa recibiu un dos premios creados pola revista Sociedade da Información Dixital para dar a coñecer proxectos sobre o desenvolvemento de tecnoloxías de comunicación e información nas Administracións públicas aplicadas nos servizos á cidadanía

Madrid, 17 de maio de 2023 A Alianza galega polo clima impulsada pola Xunta de Galicia recibiu hoxe un dos premios Cidades Sostibles & TIC, creados pola revista Sociedade da Información Dixital co obxectivo de divulgar e dar a coñecer proxectos sobre o desenvolvemento de tecnoloxía de comunicación e de información nas Administracións Públicas, aplicadas nos servizos á cidadanía.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, foi a encargada de recoller hoxe o trofeo entregado polo xurado dos premios Socinfo Dixital no marco do evento TIC para a eficiencia e sostibilidade de los entornos urbanos, celebrado no CaixaForum de Madrid.

En concreto, a iniciativa do Goberno galego foi premiada na categoría de boas prácticas medioambientais, na que competía con outras candidaturas da Universidade de Valladolid, do Concello de Ames e do Concello de Fuenlabrada.

Desde a posta en marcha da Alianza hai case un ano, a Xunta xa logrou sumar o apoio e adhesión de máis de 60 entidades galegas a esta iniciativa vangardista e innovadora a nivel nacional que busca fomentar a colaboración pública e privada neste eido e que tamén foi recoñecida o pasado outono como unha das mellores Sustainability Action 2022 de impacto ambiental e social no eido da sostibilidade.

Ademais, a Alianza Galega polo Clima enmárcase no desenvolvemento do marco de actuación proposto pola Estratexia galega para o cambio climático e enerxía 2050, buscando así elementos comúns que melloren a capacidade de adaptación, potenciación e redención de vulnerabilidade ao cambio climático por parte dos axentes económicos galegos co fin de avanzar cara ao obxectivo de neutralidade climática en Galicia, fixado neste momento para o ano 2050.

Data de actualización: 17/05/2023