A Xunta avalía co sector forestal a mellora da xestión preventiva dos riscos no traballo

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, mantivo unha xuntanza coa Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (Lugomadera)

Abordouse, entre outros, a posta en marcha do novo servizo de prevención de Lugomadera, que impulsou a Xunta de Galicia, co que se busca mellorar os recursos de prevención de riscos laborais no sector
 

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade avaliou coa Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (Lugomadera) as actuacións que se están a levar a cabo desde o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para mellorar a xestión preventiva no sector forestal.

Na xuntanza, á que asitiu a xerente do Instituto, Adela Quinzá-Torroja, acompañada de técnicos do Issga, fíxose especial fincapé nas operacións que se realizan no monte e que supoñen un maior risco para o persoal traballador como son, entre outras, as de apeo e desbroce.

Os técnicos do Issga explicaron as accións que está a acometer a Xunta en materias como a investigación de accidentes e enfermidades profesionais, así como as campañas de sensibilización que se están a poñer en marcha e os documentos técnicos que se elaboran neste ámbito. Así mesmo, o Issga desenvolve plans de formación específicos para o sector forestal. Quinzá Torroja puxo en valor, ademais, o grupo de traballo técnico que o Issga mantén co sector fofestal centrado na prevención de riscos laborais.

A reunión, na que participou o xerente de Lugomadera e técnicos da entidade, tivo como obxectivo principal escoitar as demandas do colectivo para tentar dar resposta con novas accións as súas necesidades. Na xuntanza abordouse tamén a posta en marcha do novo servizo de prevención de Lugomadera, que impulsou a Xunta de Galicia, un instrumento novo e que busca ser máis eficaz na xestión mancomunada dos recursos de prevención de riscos laborais no sector.

A adhesión das empresas a esta modalidade, segundo destacou a xerente do Issga, axudará a mellorar os seus sistemas de xestión e a crear unha cultura preventiva nun sector no que é preciso crear entornos de traballo seguros e saudables.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/05/2023