Emigración e Xuventude poñen en marcha “Conecta co Camiño”, un programa destinado a que 60 mozos e mozas galegos do exterior percorran a Ruta Xacobea

O DOG publica hoxe a convocatoria desta iniciativa para persoas de entre 18 e 20 anos, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

O programa desenvolverase do 20 ao 31 de xullo e os participantes aloxaranse na residencia xuvenil Altamar de Vigo

Os participantes percorrerán oito tramos a pé polos Camiños Portugués pola Costa ata Compostela, coñecendo aspectos da historia xacobea e do patrimonio cultural galego
 

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2023 O Diario Oficial de Galicia fixo pública hoxe a convocatoria das axudas da Secretaría Xeral da Emigración para a participación no programa de lecer “Conecta co Camiño” (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230516/AnuncioC3B0-080523-0001_gl.html), que ofrece 60 prazas para que mozos e mozas galegas do exterior de entre 18 e 20 anos poidan percorrer a ruta xacobea entre o 20 e o 31 de xullo.

 

Deste xeito, o departamento autonómico que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, volve a convocar os programas de achegamento a Galicia dos galegos do exterior, centrándoos, nesta ocasión, no Camiño de Santiago.

 

Esta iniciativa ten coma obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago, coñecendo a realidade da Galicia actual e moderna, actuando de altofalantes da mesma nos países onde residen.

 

En total, ofértanse 60 prazas, distribuídas entre os diferentes países con maior presenza de colectividade galega. Os beneficiados aloxaranse na residencia xuvenil Altamar de Vigo, dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e Xuventude.

 

O programa desenvolverase a través do percorrido por oito tramos galegos a pé polo Camiño de Santiago Portugués pola Costa ata Compostela, así como na participación en actividades orientadas a coñecer aspectos da historia xacobea e o patrimonio cultural vencellado á zona da contorna.

A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

 
 

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe, dos traslados dos participantes e custo dos billetes dende o lugar de residencia destas persoas, sempre dependendo do nivel de renda dos beneficiarios, que poderá supor afrontar parte do custo do voo, así como dos desprazamentos terrestres, aloxamento e manutención en Galicia, coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude.

 

O prazo de presentación de solicitudes, que se abre mañá, remata o próximo 16 de xuño. Máis información na seguinte ligazón: https://emigracion.xunta.gal/actividade/lina-de-axuda/conecta-co-camino-2023.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2023