O conselleiro do Medio Rural mantivo unha reunión con veciños da localidade ourensá para informalos das vantaxes dos instrumentos que contempla a Lei de recuperación

A Xunta e o Concello de Monterrei estudan a implantación dun polígono agroforestal de preto de 56 hectáreas na Madanela

O polígono que se proxecta implementar implicaría 496 parcelas de 241 titulares, xerando actividade económica que contribuiría -á súa vez- á anticipación aos incendios

Este polígono súmase ao de Vences, tamén aquí en Monterrei, que está a mobilizar 22,44 hectáreas, divididas en 535 parcelas de 331 propietarios; e á aldea modelo de Infesta, cunha superficie de máis de 36 hectáreas, distribuídas en 930 parcelas de 232 propietarios

En Galicia hai 21 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación, dos que 15 se atopan na provincia de Ourense

Monterrei (Ourense), 16 de maio de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, mantivo hoxe unha reunión con veciños deste concello ourensán, para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo. En concreto, o conselleiro explicou a posibilidade de establecer outro polígono agroforestal na zona -en concreto, na Madanela-, cunha superficie de 56 hectáreas distribuídas en 496 parcelas propiedade de 241 titulares.

 

Durante a reunión, o conselleiro lembroulles aos asistentes que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais. En Galicia hai 21 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai case dous anos-, mobilizando preto de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 28.000 parcelas propiedade duns 7.500 veciños. Deses 21 polígonos, 15 atópanse na provincia de Ourense, e un deles precisamente en Monterrei. Trátase pois do polígono de Vences, que prevé mobilizar 22,44 hectáreas, divididas en 535 parcelas de 331 propietarios. Neste caso, os traballos de roza e posta a punto de cara á súa implementación están case rematados e terá unha orientación preferente a cultivos leñosos, como o viñedo para a denominación de orixe (DO) Monterrei.

 

Xunto a estes polígonos agroforestais, o conselleiro sinalou que Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, 14 delas na provincia de Ourense, e unha delas en Monterrei. Trátase da aldea modelo de Infesta, cunha superficie de 36,65 ha distribuídas en 930 parcelas de 232 propietarios, da que se publicará proximamente a súa ordenación produtiva.

Con esta ferramenta búscase recuperar de xeito sustentable a terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, ao tempo, ao igual que cos polígonos agroforestais, previr incendios.

 

Así, dentro da comarca de Verín tamén hai implantadas varias figuras da Lei de recuperación, ademais da aldea modelo de Infesta e o polígono agroforestal de Vences. Por unha banda, Cualedro conta cun polígono de nome homónimo de 64 hectáreas, cuxos traballos de roza xa remataron e está coa redacción do proxecto básico; ademais da aldea modelo de Carzoá -de 53,68 hectáreas-, que saíu a concorrencia o venres pasado.

 

En Riós está tamén a aldea modelo de Pedrosa que está a mobilizar 52,03 hectáreas e que foi adxudicada para vacún en extensivo de raza autóctona e produción de cereal e cultivos de ciclo curto, e na que en breves se iniciarán as obras de posta a punto. Ademais, Riós conta tamén co polígono agroforestal de Pousada, de 93,89 hectáreas, que está en fase de elaboración do proxecto básico. Por último, Oímbra ten un polígono de nome homónimo de 21,76 hectáreas que está en fase de redacción do proxecto básico, a piques de rematar a investigación da titularidade.

 

Nesta liña, cabe apuntar que mediante a Lei de recuperación téñense mobilizado arredor de 10.000 hectáreas de superficie de calidade en toda a comunidade para poñer de relevo a importancia do rural galego, con figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2023