O presidente do Goberno galego asiste á sinatura dos acordos cos municipios beneficiarios deste programa

Rueda anuncia que a Xunta destinará este ano case 33 M€ a impulsar medidas de eficiencia enerxética en colaboración cos concellos galegos

Destaca que o obxectivo é apoiar melloras en máis de 4.700 vivendas de 54 barrios para reducir o consumo e facer as vivendas máis confortables

Explica que serán os concellos os encargados de xestionar as actuacións a través da convocatoria de axudas para particulares ou con obras de urbanización e mellora do entorno físico nas zonas establecidas

Este programa de axudas súmase a outras tres liñas que contarán, en total, cun orzamento de máis de 75 millóns de euros para promover melloras en 17.200 inmobles ao longo deste ano
 

Cortegada (Ourense), 16 de maio de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego destinará este ano case 33 millóns de euros a impulsar medidas de eficiencia enerxética en colaboración cos concellos galegos. O titular do Executivo autonómico, acompañado pola conselleira de de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe en Cortegada (Ourense) na sinatura dos acordos con 24 municipios que se van beneficiar deste programa que chegará a case unha trintena de entidades locais. 

En concreto, tal e como explicou Rueda, o obxectivo deste programa de axudas é actuar en 54 barrios de 28 concellos galegos para acadar melloras en máis de 4.700 vivendas de cascos históricos ou de zonas onde as construcións teñan certa antigüidade. 

A Xunta transfire estas axudas, procedentes de fondos europeos, ás entidades locais, que serán as encargadas de xestionar as actuacións por dúas vías diferentes. A través da convocatoria de axudas para particulares -cada beneficiario poderá recibir ata un máximo de 29.500 € para reducir polo menos un 30% o consumo enerxético da súa vivenda, contía que se incrementará noutros 12.000 € se hai que retirar amianto- e por outra, os propios concellos poderán recibir incentivos para promover obras de urbanización e mellora do entorno físico nestes barrios. “É unha gran oportunidade e non se me ocorre mellora maneira de empregar estas axudas que en colaboración cos concellos”, indicou Rueda. 

Este programa de axudas para actuacións a nivel de barrio súmanse as outras tres liñas aprobadas no último Consello da Xunta para financiar parte das obras para mellorar a eficiencia enerxética en edificios, en vivendas -a través de apoio a pequenas obras como o cambio de ventás- ou para a elaboración do libro do edificio ou do proxecto de rehabilitación.  

Deste xeito, tal e como resaltou Rueda, o Goberno galego destina este ano máis de 75 millóns de euros a apoiar obras que reduzan a factura da luz e o gas. A previsión é poder chegar a máis de 17.200 inmobles. “É necesario darlle un pulo ás políticas en materia de vivenda -subliñou o presidente da Xunta-. E estas medidas permiten darlle vida a moitos lugares que agora non a teñen ou están languidecendo”. 

O presidente da Xunta enmarcou estas axudas no compromiso do Goberno galego de promover vivendas o máis confortables posibles. Nesta liña, tamén resaltou as medidas que está a levar a cabo o Executivo autonómico para facilitar o acceso a unha vivenda coma os avais para a mocidade que merca o seu primeiro inmoble ou o compromiso de aumentar nun 50% o parque público de vivendas para chegar ás 5.600 en 2026.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2023