A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, participou na xornada xunto á directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira Pan

A Xunta mellora a formación sobre técnicas de reanimación cardiopulmonar básica e manexo do DESA de dez traballadores do Concello de Mugardos

A instrución estivo impartida por técnicos en emerxencias sanitarias do 061 axudados de tres torsos cos que os participantes puxeron en práctica as técnicas aprendidas

O concello de Mugardos conta na actualidade con 12 desfibriladores semiautomáticos externos inscritos no Rexistro DESA de Galicia

Mugardos (A Coruña), 16 de maio de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe, xunto á directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira Pan, e o alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus Fonticoba, nunha xornada formativa sobre técnicas de reanimación cardiopulmonar básica e manexo dos desfibriladores semiautomáticos externos (DESA).

A formación, impartida por técnicos en emerxencias sanitarias do 061, contou coa participación de 10 traballadores municipais, entre persoal de Policía Local, Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) e membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. Durante a mesma puideron actualizar os seus coñecementos en primeiros auxilios axudados de tres torsos do 061 cos que poñer en práctica as técnicas aprendidas.

A delegada territorial felicitou ao Concello polo seu compromiso coa cardioprotección ao dotarse de 12 desfibriladores semiautomáticos externos inscritos no Rexistro DESA de Galicia do 061. Este feito garante que a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 teña constancia da súa existencia e da posibilidade de ser empregados en caso de necesidade, seguindo as indicacións dos médicos coordinadores do 061.

Aneiros lembrou a importancia de aumentar o número de DESA dispoñibles, especialmente fóra do ámbito sanitario e puxo en valor xornadas como esta que “incrementan a concienciación da sociedade sobre a importancia do recoñecemento dos sinais de morte súbita e das técnica para a reanimación cardiopulmonar básica o que mellora as posibilidades de supervivencia da vítima”.

Pola súa banda, a directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, lembrou que no caso das paradas cardiorrespiratorias, “a atención temperá é fundamental en tanto se trata dunha patoloxía tempo-dependente, na que cada segundo que pasa é crucial para a supervivencia e a diminución de posibles secuelas no paciente”.

O Concello de Mugardos estenderá esta formación á totalidade do persoal municipal (70 traballadores) e aos veciños interesados, con xornadas formativas por todas as parroquias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2023