O conselleiro do Medio Rural mantivo na Delegación da Xunta en Lugo un encontro con esta asociación

A Xunta acada o apoio da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema á fronte común co sector para esixir ao Goberno central que apoie as demandas de Galicia en relación coa carne

Deste xeito, o colectivo súmase ao acordo acadado esta mañá polo Goberno galego e as asociacións, sindicatos e organizacións agrarias da nosa comunidade para demandar ao Ministerio de Agricultura unha reunión urxente

Os responsables da Xunta comprometéronse a implantar unha liña de axudas directas ligada á produción de carne de calidade e máis concretamente á Ternera Gallega Suprema

Ademais, José González lembroulles aos gandeiros que o anteproxecto de lei de loita integral contra os incendios forestais prevé axudas directas para gandeiros en extensivo que mediante a súa xestión do territorio colaboren na prevención do lume

Lugo, 15 de maio de 2023

A Xunta acadou o apoio da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema ás propostas para o vacún de carne realizadas conxuntamente polo Goberno galego e as asociacións, sindicatos e organizacións agrarias da nosa comunidade que demandan unha reunión urxente co Ministerio de Agricultura para, entre outras cousas, reclamarlle o incremento das axudas por vaca nutriz de carne.

 

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e da xefa territorial da Consellería na provincia, Olga Iglesias, mantivo este mediodía na Delegación da Xunta en Lugo unha reunión con representantes deste colectivo de gandeiros.

 

Neste encontro, os representantes do Goberno galego comprometéronse a implantar unha liña de axudas directas ligada á produción de carne de calidade e máis concretamente á Ternera Gallega Suprema. O obxectivo, segundo sinalou o conselleiro, é reforzar o compromiso da Xunta de que “non se perdan explotacións de vacún de carne en extensivo pola situación insostible de incremento dos custos de produción sen que o prezo sexa capaz de compensalo”. O conselleiro engadiu que agora hai que traballar conxuntamente con organizacións, asociacións e sindicatos para ser capaces de cumprir ese obxectivo en relación ao grupo de traballo que esta mañá se acordou crear para avaliar as consecuencias da seca e do incremento dos custos de produción.

 

Incremento das axudas por vaca nutriz

Na reunión, ambas partes incidiron na importancia de facer presión ante o Ministerio de Agricultura para que incremente de 39,25 a 157 euros a axuda por vaca nutriz de carne contemplada no Real decreto-lei publicado o pasado venres. Tamén, para que modifique as axudas do primeiro piar da PAC co gallo de que haxa máis fondos para o vacún de carne, tal como vén facendo a Xunta nos últimos anos co incremento das axudas do segundo piar que lle competen. Estas e outras demandas foron apoiadas pola Asociación de Gandeiros da Suprema, ao igual que polos participantes na reunión desta mañá, para ser trasladadas na reunión urxente co Ministerio de Agricultura.

 

A maiores, o conselleiro lembroulles aos gandeiros que o anteproxecto de lei de loita integral contra os incendios forestais prevé axudas directas para gandeiros en extensivo que mediante a súa xestión do territorio colaboren na prevención do lume.

 

Así mesmo, o conselleiro puxo en valor o compromiso da Xunta con este sector, que segundo recordou se manifestou en iniciativas como a recente campaña de promoción do consumo de Ternera Gallega Suprema, así como a propia Estratexia de dinamización do sector. Ademais, houbo acordo xeral sobre a necesidade de implementar melloras na Indicación Xeográfica Protexida e para iso José González pediulles aos responsables da asociación que lle remitan por escrito as súas demandas e suxestións concretas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2023