Lete asegura que o Campionato de España Infantil de Hóckey Sala afianza a aposta pola base que ten en Mariñamansa (Ourense) o seu centro de tecnificación

Competirán 380 xogadores e xogadoras divididos entre os 24 equipos -12 masculinos e 12 femininos- que disputarán o campionato do 18 ao 21 de maio

Destaca a compatibilidade de usos dos recintos feirais e apunta que, grazas á instalación de dúas pistas portátiles, será a primeira vez que un campionato simultáneo dobre se dispute en interior

Ourense, 15 de maio de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de presentar no recinto feiral de Expourense o Campionato de España Infantil de Hóckey Sala masculino y femenino que terá lugar en Ourense do 18 ao 21 de maio e no que participarán, como campións galegos, o Villar Ourense, na categoría feminina, e o Santo Cristo (antigo Santiago Apóstolo), na categoría feminina. Estes dous equipos galegos competirán nunha fin de semana que xuntará en Ourense aos 24 mellores equipos nacionais -12 masculinos e 12 femininos-, o que representará un total de 380 xogadores e xogadoras e preto dun milleiro de desprazados. Lete Lasa tamén informou de que o vindeiro venres 19 de maio terá lugar en Expourense a primeira parada do Tour do Centenario do Hóckey español, con motivo dos cen anos da Real Federación Española de Hóckey.

 

O titular do Deporte galego destacou o orgullo de que “nun deporte milenario” como o hóckey, Galicia e Ourense conten con tanto peso no panorama nacional e internacional. Neste sentido lembrou algúns dos nomes máis importantes do hóckey galego como os adestradores José Brasa, que dirixiu á selección feminina que gañou a medalla de ouro en Barcelona 92, ou Carlos García Cuenca; o do árbitro internacional Daniel González; ou o das xogadoras, xa retiradas, Olalla e Rebeca Piñeiro; ou os xogadores en activo, Antón Parente, Xurxo Cid ou Manu Prol, que participou en outubro de 2021 na concentración da selección española absoluta baixo as ordes de Max Caldas en Mariñamansa.

 

Precisamente, Lete Lasa destacou o campo de Mariñamansa como unha das mellores instalacións do hóckey nacional e na que, dende hai un ano, sitúase o Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Hóckey como o centro de excelencia e tecnificación do hóckey galego que acompaña aos deportistas máis novos cara o alto nivel.

 

Así, Lete Lasa destacou a aposta da Xunta de Galicia polo deporte de base e, neste caso particular, polo hóckey, “un deporte no que os nosos nenos e nenas teñen moitos referentes nos que inspirarse”. Tal é o caso de Carlota Álvarez e dos irmáns Lucía e Manuel Lamelas que veñen de participar na Copa sub16 en Tottenham (Reino Unido) e que, polo tanto, xa saben o que é vestir a camisola da selección. Lete Lasa amosou o seu desexo e convencemento de que estes tres galegos e ourensáns, seguirán sendo internacionais ata a categoría absoluta.

 

Respecto ao recinto feiral de Expourense no que se atopa a mellor pista cuberta de atletismo de España, Lete Lasa destacou, de novo, esta aposta pola compatibilidade de usos nos recintos feirais que conta con outros exemplos de éxito como o rocódromo do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo ou a pista de atletismo no IFEVI. Grazas á instalación de dúas pistas portátiles, este evento será o primeiro campionato simultáneo dobre que se dispute en interior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2023