A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron hoxe un encontro co colectivo médico

A Xunta comparte co colexio de médicos da Coruña o momento decisivo do novo CHUAC, que suporá máis que triplicar a superficie construída, acadando os 258.000 metros cadrados

Os conselleiros manifestan a vontade da Xunta de escoitar aos profesionais sanitarios no impulso dun complexo que atenderá nas vindeiras décadas a máis de 550.000 pacientes da área sanitaria da Coruña e Cee, é dicir, o 20% da poboación de Galicia

Ethel Vázquez informa de que en xuño se licitarán a demolición do actual hotel do doente e a construción da torre polivalente, primeira edificación icónica do Novo CHUAC

Tamén en xuño se licitará a redacción do proxecto construtivo e de execución dos accesos, que suporán un investimento estimado en máis de 25 M€
 

A Coruña, 15 de maio de 2023  A Xunta compartiu hoxe co Colexio de Médicos da Coruña o momento decisivo do Novo CHUAC, que suporá máis que triplicar a superficie construída, acadando os 258.000 metros cadrados.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañados polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, mantiveron hoxe un encontro co colectivo médico.

 

Vázquez Mourelle concretou que este proxecto multiplicará por tres a superficie actual do hospital, pasando dos 85.000 m² actuais a unha superficie construída de case 258.000 m² .

 

Os conselleiros manifestaron a vontade do Goberno galego de escoitar ao colectivo médico neste proceso de impulso dun complexo que centrará a atención sanitaria da Coruña durante as vindeiras décadas, abranguendo a áreas sanitaria da Coruña e Cee, o que significa dar atención a máis de 550.000 pacientes, o 20% da poboación de Galicia.

 

Nestes momentos están en avanzado estado de tramitación, tanto as obras de demolición do actual hotel do doente, como as de construción da torre polivalente, a primeira edificación icónica do Novo CHUAC, que, en ambos os casos, se licitarán en xuño.

 

Tamén en xuño, a Xunta licitará o contrato de concurso e obra, a redacción do proxecto construtivo e de execución dos accesos, que suporán un investimento estimado en máis de 25 M€.

 

Ademais, a Xunta está a ultimar a redacción do proxecto de interese autonómico, para sometelo a información pública este mesmo mes de maio.

 

Ethel Vázquez fixo fincapé en que o Novo Hospital Público da Coruña que está a impulsar a Xunta cun investimento de máis de 500M € busca ofrecer unha mellor resposta aos problemas de saúde dos cidadáns da Coruña e da súa área, así como unha rápida atención asistencial.

 

Detallou que se executará un novo complexo hospitalario, aproveitando e reformando o actual hospital: actuando en 5.800 m² de superficie actual para as conexións cos novos edificios; dotando dun aparcadoiro integrado de case 47.000 m² e levantando novas edificacións que suporán máis de 205.000 m² de superficie construída.

 

A titular de Infraestruturas incidiu en que o hospital dará prioridade ás necesidades de profesionais e pacientes, tanto desde o punto de vista arquitectónico como da mobilidade. Para isto, apóstase por unha disposición arquitectónica escalonada e adaptada ao terreo, o que garante, por fóra, unha maior integración na paisaxe, e por dentro, maior accesibilidade e funcionalidade entre os bloques, conectados por un xardín bicoclimático.

 

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade agradeceu ao colexio de médicos o seu interés por coñecer os detalles do proxecto desta nova infrarestrutura sanitaria, “unha ampliación do CHUAC que permitirá multiplicar por tres os espazos actuais”, incidiu.

 

Julio García Comesaña destacou que estamos diante dunhas obras que garanten a mellora da prestación sanitaria, “pensando xa no futuro, para que os servizos que, agora xa, son referente a nivel do Estado, e incluso fóra do país, poidan seguir séndoo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2023