A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural presidiu no Saviñao a 8ª reunión da Mesa de Coordinación dos Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia

A Xunta presenta aos grupos de desenvolvemento rural as posibilidades do Bono Activa Rural para o período 2023-2027

Os 24 grupos de desenvolvemento rural que xa foron preseleccionados continúan coa preparación das súas estratexias e para iso contan con 35.000 euros cada un, o triplo que no ano 2016

O Bono Activa Rural supón unha das principais novidades que poderán incluír as novas estratexias dos GDR para o período 2023-2027 a través dunha axuda a tanto alzado de ata 18.000 euros
 

O Saviñao (Lugo)

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu hoxe a 8ª reunión da Mesa de Coordinación dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, que tivo lugar na localidade luguesa do Saviñao. Alí destacou que estes grupos poderán incluír nas súas Estratexias de Desenvolvemento Local para o período 2023-2027 unha nova forma de fomentar o emprego no rural que ata o de agora non se contemplaba nos programas Leader anteriores, consistente nun “bono rural”. Deste xeito, os grupos poderán recoller nas súas respectivas estratexias a posibilidade de conceder unha axuda de ata 18.000 euros en dúas anualidades, coa obriga de manter a actividade durante polo menos cinco anos, a contar dende a data da alta censual.

 

O Bono Activa Rural non estará vinculado á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se vincula ao mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa seleccionada durante un determinado período de tempo. Este plan empresarial deberá demostrar a viabilidade económica e técnica da empresa, apoiándose para iso nas condicións de mercado. Os proxectos que se beneficien desta modalidade de axuda concorrerán cos demais proxectos de natureza produtiva que se presenten ao abeiro das diferentes convocatorias.

 

As persoas beneficiarias desta tipoloxía de proxectos son as persoas físicas, que se dean de alta no réxime de traballadores autónomos e xeren unha actividade empresarial a título individual na que polo menos creen o seu posto de traballo, sempre e cando non estivesen dadas de alta no réxime de autónomos na mesma actividade para a que se solicita a axuda nos últimos tres anos e que opten por esta modalidade na correspondente solicitude.

 

Novas estratexias dos GDR

O 19 de setembro de 2022, co ditame favorable da Comisión de Valoración constituída ao efecto, aprobábase a resolución pola que quedaban preseleccionadas as 24 entidades candidatas a converterse en entidades colaboradoras para o seguinte programa Leader, ao tempo, que se lles concedía unha subvención de 35.000 euros a cada unha para a elaboración das súas estratexias, cun orzamento total de 840.000 euros, triplicando o da convocatoria anterior de 2016 (320.000 euros).

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 10 de maio a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pola que se establecen as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución do Programa Leader para o período 2023-2027, así como as regras para a elaboración das estratexias e os criterios de puntuación referidos aos territorios correspondentes ás estratexias de desenvolvemento local que sexan seleccionadas.

 

Entre as novidades destas regras figura o Bono Activa Rural, pero tamén novas posibilidades de financiación de proxectos de produción agraria ou de transformación e comercialización de produtos agrarios no marco das axudas Leader.

 

Os GDR deberán presentar as súas estratexias no prazo de dous meses, as cales serán valoradas e suporán o 50 % da puntuación que se terá en conta para a repartición de fondos entre os grupos de desenvolvemento rural que finalmente se constitúan. O outro 50% da puntuación verá determinado polos criterios territoriais establecidos nesta resolución.

 
Enlace á resolución do DOG:
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2023