A Xunta organiza un simulacro de incendio forestal para ensaiar o sistema operativo de emerxencias na provincia da Coruña

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participaron esta mañá no desenvolvemento do exercicio con activación da situación 2 por risco para as vivendas próximas ao lume

O obxectivo do simulacro é comprobar a coordinación dos servizos implicados co centro de mando da emerxencia no caso de situacións de lumes con risco para bens, persoas e infraestruturas

A Coruña, 15 de maio de 2023

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participaron esta mañá no simulacro de Activación do Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais en Galicia (Peifoga) e o seu paso a situación 2 por un incendio no lugar de Feáns da parroquia coruñesa de Elviña, que se estendeu ao lugar de Santa Incía, na parroquia de Morás do municipio de Arteixo.

Con este exercicio trátase de simular unha emerxencia provocada por un incendio forestal para avaliar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos aplicando os plans de emerxencia correspondentes. Deste xeito, ademais de comprobar a operatividade do Peifoga serve para probar a súa coordinación co Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga). O simulacro permite ademais adestrar os sistemas de comunicación, como informar á poboación, os procedementos de activación dos plans de actuación municipal e, sobre todo, testar as tarefas asignadas aos distintos grupos operativos e grupos de control.

 

A actividade realizada hoxe requiriu a constitución de centros de mando e control e a activación do Punto de Recepción de Medios (PRM) ata o que se desprazaron os diferentes servizos de loita contra o lume da Consellería do Medio Rural e o Grupo de Apoio Loxístico de Intervención (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA). Participaron 3 técnicos, 5 axentes, 5 brigadas, 5 motobombas, os servizos de prevención, extinción de incendios e salvamento (SPEIS) do concello da Coruña e do Consorcio provincial contra incendios e salvamento da Coruña, xunto con 2 ambulancias da Cruz Vermella que prestaron atención sanitaria.

 

No que se refire ao apoio loxístico e de seguridade colaboraron efectivos de forzas e corpos de seguridade -Policía Autonómica, Policía Nacional, Policía Local da Coruña e de Arteixo e Garda Civil-, os servizos municipais e as agrupacións de voluntarios de Protección Civil destes dous concellos e o GALI da Axega.

 

Ademais da extinción, neste simulacro, os participantes adestraron actividades como a protección de vivendas illadas, a adopción de medidas de protección á poboación (determinación de rutas seguras de evacuación  e confinamento por zonas) e sucesos aleatorios non anunciados previamente que poñen a proba a capacidade de reacción dos diferentes servizos e a coordinación dos responsables para a súa resolución. 

 

Detalles do simulacro

O simulacro comezou ás 08,15 horas na parroquia de Elviña da Coruña, e baseouse nun suposto lume en situación 1 que debido ao risco potencial de evolución en dirección á urbanización Breogán obrigou a activar a situación operativa 2 por risco para as persoas.

O Posto de Mando Avanzado (PMA) situouse no centro cívico de Mesoiro da Coruña, desde o que se presenta o plan de extinción cos núcleos e vivendas a protexer. Os medios mobilizados trasládanse ao Posto de Recepción de Medios (PRM). Debido ao accidente dun vehículo brigada, varios brigadistas resultan feridos e requiren atención sanitaria.  

Durante o simulacro determinouse unha ruta de evacuación de vivendas e un lugar de confinamento, ao mesmo tempo que a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) informou da presunta causa orixe do lume. Unha vez estabilizado o incendio desactivase a situación 2 e arredor das 13,15 horas rematou o exercicio co incendio xa controlado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2023