O Bono Activa Comercio xa se pode empregar en máis de 1.600 negocios da provincia da Coruña

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou no día no que se activa a iniciativa diferentes comercios participantes, que no conxunto de Galicia suman máis de 4300
 

Os bonos, en formato QR, son de 30 euros por persoa e poderán utilizarse ata que o importe total dos descontos utilizados alcance os 2,5 millóns de euros que a Administración autonómica destina ao programa nesta convocatoria
 

A Coruña, 15 de maio de 2023

Os clientes poden xa descargar e empregar os 30 euros de desconto do Bono Activa Comercio da Xunta, que hoxe bota a andar en máis de 1.600 negocios da provincia da Coruña. No conxunto de Galicia, adheríronse ata a data 4.384 empresas comerciais, correspondendo 1608 á provincia da Coruña, 621 a Lugo, 682 a Ourense e 1473 a Pontevedra.

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe diferentes establecementos participantes na iniciativa na cidade da Coruña: Bululú Libros, Luna Lunera e Eureka Kids. Tal e como sinaou Heredia, as persoas consumidoras poden descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, e estes poden continuar sumándose ata o 1 de setembro. A terceira edición deste programa conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, contribuíndo así a dinamizar o sector e a implicar á cidadanía no impulso ao comercio de proximidade.

Os bonos teñen formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2023