Declaración Institucional da Xunta con motivo do Día de Internet

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023

Francisco Fernández del Riego, a quen hoxe dedicamos o Día das Letras Galegas, lembraba no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, en 1960, o papel da Xeración Nós na modernización de Galicia. Citaba a Vicente Risco, “o ideólogo do grupo, que traballa denodadamente na europeización da cultura galega e pon ao seu servizo a técnica moderna”. 

O proceso de transformación dixital das sociedades sitúanos de novo ante o reto que nos obriga a traballar denodadamente nun proceso de modernización que implica garantir a capacitación tecnolóxica da cidadanía e avanzar na especialización tecnolóxica na nosa Administración, nas nosas universidades e centros de investigación e no noso tecido produtivo. A “técnica moderna” ao servizo de “nós”. 

Europa volve a ser o compás que debe guiar o noso rumbo coa súa aposta decidida por un desenvolvemento tecnolóxico centrado en criterios éticos e de confianza e baseado na tradición humanista dunha identidade común que deu como resultado un modelo de convivencia e benestar ao que non debemos renunciar. 

Precisamente, esta identidade común vertebra o pensamento da Xeración Nós no que conflúen as posicións de quen se recoñecen habitantes dun mesmo planeta, constatando a interdependencia entre as sociedades e a existencia de intereses compartidos. 

“Nós” volve a ser unha das bandeiras desa modernización. Así é como tamén se denomina o proxecto impulsado pola Xunta de Galicia e desenvolvido pola Universidade para situar ao idioma galego en pé de igualdade coas principais linguas do mundo nas contornas tecnolóxicas. Esta necesidade ponse hoxe de manifesto especialmente co desenvolvemento e extensión do uso dos “chatbots”, que fan accesibles á humanidade os vertixinosos avances da intelixencia artificial en todos os ámbitos do coñecemento. 

Galicia avanza no obxectivo de mellorar o marco de relación e interacción da cidadanía coa Administración con tres eixos principais de actuación: configurar unha administración máis eficiente, máis personalizada e máis accesible. Para facelo, están en marcha actuacións que implican o uso de tecnoloxías como a propia intelixencia artificial, a xestión intelixente do dato, os servizos na nube, os novos modelos de centros de datos, a automatización de procesos ou o desenvolvemento de asistentes virtuais entendibles. Sen esquecer que debemos garantir a calidade dos servizos administrativos á persoas maiores, en moitos casos menos familiarizadas coas tecnoloxías. 

Nese espírito modernizador representado por “Nós”, Galicia avanza tamén na súa propia evolución de país como un territorio máis intelixente e mellor conectado. Está en marcha un proceso de sensorización e monitorización do territorio que estenderá o uso de dispositivos de internet das cousas e que permitirá a xestión de información en tempo real para a mellora de actividades ou servizos como o transporte, a agricultura, a pesca ou o turismo. Un modelo que nos permitirá dispoñer dun xemelgo dixital de Galicia para afrontar con máis e mellor coñecemento ameazas como os cambios no clima, a xestión do carbono ou os incendios forestais.

 

Hoxe conmemoramos o día de internet. A rede é hoxe un dos hábitats principais das tecnoloxías, e non poderíamos imaxinar o seu avance sen a existencia deste hábitat. Todos os aspectos relacionados con esa administración intelixente, con ese territorio intelixente, con ese país especializado e con ese tecido produtivo adaptado están supeditados á evolución da rede e aos seus contidos. 

E Galicia, como Europa, aposta por facelo ao servizo da cidadanía, con garantías para os dereitos fundamentais das persoas, con respecto á súa privacidade, garantindo a súa seguridade, con criterios de procura do benestar, da realización persoal e da felicidade. E co fundamento ético e cultural dos valores do Humanismo.

 Galicia, cunha historia, unha cultura e unha lingua propias, é un dos territorios máis concienciados coa idea de Europa, a pesar da súa situación xeográfica periférica. A condición de meta do Camiño de Santiago –designado en 1987 Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa e Premio Príncipe de Asturias da Concordia en 2004– permitiulle cultivar unha relación fluída e permanente cos pobos e culturas de Europa. Así mesmo, pola Ruta Xacobea, dende os tempos de Carlomagno, circulan ideas, arte e literatura. 

Sen dúbida, o espírito europeísta e europeizante manifestado a principios do século XX a través de Xeración Nós quedou patente na identidade de Galicia. Este espírito permanece e se transmite dende as institucións educativas e formativas, entre elas as universidades galegas, fieis á súa misión de mellora permanente da sociedade a través do coñecemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/05/2023