A Xunta licita o novo edificio xudicial da Estrada

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse co alcalde José López para abordar o avance deste proxecto que permitirá unificar nun so inmoble os dous xulgados da localidade


O importe da licitación publicada hoxe na Plataforma de contratos públicos de Galicia ascende a case 2,8M€
 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023

A Xunta publica hoxe na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación hoxe do novo edificio xudicial da Estrada por un importe de case 2,8M€. O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse co alcalde do concello estradense, José López, para abordar o avance neste proxecto que permitirá unificar nun so inmoble os dous xulgados da localidade.

 

As empresas interesadas en optar a este contrato dispoñen de 26 días naturais, ata o 10 de xuño. A previsión é comezar en setembro as obras cun prazo de execución estimado de 11 meses. O orzamento establecido distribúese en dúas anualidades, con preto de 1.192.795 euros para 2023 e de 1.577.190 euros para 2024.

 

Segundo sinalou Diego Calvo na xuntanza, o novo edificio terá unha superficie útil de 1.445 metros cadrados para albergar os dous órganos xudiciais existentes actualmente en sedes diferentes na Avenida Benito Vigo -os xulgados de Primeira Instancia e Instrución nº1 e nº2- na parcela A Baiuca na Avenida da Torre cedida polo concello.

Tamén contará con dúas salas de vistas, así como espazos para outros servizos xudiciais e organismos como decanato, sala de videoconferencias e de informática, sala de atención ás vítimas, rexistro civil, despacho e sala de espera para o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), despacho para a Fiscalía e unha área para os profesionais da avogacía e procuradores. A estas dependencias súmanse dous arquivos, espazos independentes para a toma de declaracións en cada un dos xulgados, sala Gesell e sala de lactación, entre outras. No novo edificio traballarán 18 profesionais: 2 xuíces, 2 letrados da Administración de Xustiza, 12 funcionarios e 2 axentes de seguridade.

O vicepresidente segundo lembrou que a redacción do proxecto básico e de execución dos traballos fora adxudicada en abril de 2021 ao arquitecto Víctor Manuel López Puga e que foi recentemente revisado e axustado ás especificidades da futura Lei de Eficiencia Organizativa. “Garántase así un maior aproveitamento e funcionalidade do inmoble, unha máxima eficiencia e sustentabilidade nas instalacións e mellor accesibilidade para a cidadanía”, apuntou. Ademais ambos os xulgados estarán no mesmo andar, dándolle cumprimento ao Plan de Xustiza 2030.

Data de actualización: 15/05/2023