A Xunta convoca 14 prazas de lectorados para reforzar o ensino da lingua e cultura galegas en oito países estranxeiros

Desenvolveranse en universidades de tres comunidades autónomas, Portugal, Alemaña, Italia, Polonia, Croacia, Irlanda, Reino Unido e Brasil

As persoas interesadas que cumpran os requisitos poderán presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta entre mañá e o 12 de xuño
 

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2023

A Xunta de Galicia vén de convocar novas prazas de lectorados para reforzar o ensino da lingua, literatura e cultura galegas en tres comunidades autónomas e oito países estranxeiros para o 2023. Así se recolle no Diario Oficial de Galicia, publicou a convocatoria de 14 prazas, das cales 11 son para persoal bolseiro e tres para persoal contratado, ás que se destina un investimento de máis de 550.000 euros.

En concreto, as 11 bolsas de formación desenvolveranse nas universidades de Universidade do Algarve (Portugal), Universitat de Barcelona, Freie Universität Berlin (Alemaña), Universidad de Extremadura, Universidad de Granada, Universidade Nova de Lisboa (Portugal), Università degli Studi di Padova (Italia), Universidade do Estado do Río de Janeiro (Brasil), Sapienza Università di Roma (Italia), Universidade de Sâo Paulo (Brasil) e Sveučilište u Zadru (Croacia). Doutra banda, as prazas de persoal contratado pertencen aos Centros de Estudos Galegos das Universidades de Bangor University (Reino Unido), University College Cork (Irlanda) e Uniwersytet Warszawski (Polonia).

O programa de formación, cunha duración máxima de tres anos en ambos casos, terá un marcado carácter práctico e estará integrado por actividades relacionadas coa docencia, a programación e a organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas.

Con esta convocatoria, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades renova 14 dos 27 lectorados que actualmente imparten docencia nos centros das universidades nacionais e internacionais que integran a Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta.

Destinatarios da convocatoria

Nesta convocatoria poderán participar as persoas menores de 35 anos que estean en posesión de titulacións como Filoloxía Galega, Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego; o Grao en Lingua e Literatura Galegas, o Grao en Estudos de Galego e Español, o Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española o Grao en Galego e Portugués ou a Licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que como mínimo se teñan cursados determinados créditos en galego.

Tamén se poderá presentar quen estea en posesión dalgunha das titulacións da área de Humanidades ou da área de Ciencias Sociais e Xurídicas, sempre que, como mínimo, acredite 18 créditos de lingua galega e estea en posesión do Celga 4. No caso de universidades de fóra de España, deberán contar con 21 créditos en materias da lingua oficial do país no que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

Os lectores que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derivase da resolución dun procedemento de tipo disciplinario, tamén poderán participar.

O prazo de presentación de solicitudes vai do 13 de maio ao 12 de xuño de 2023, e a selección correspondente efectuarase a mediados do mes de xullo. A resolución completa pode consultarse no Portal da Lingua Galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2023