As xornadas sobre inclusión reúnen en Vigo a 30 participantes de 20 federacións e chegan á Coruña este luns

Serán catro módulos sobre o deporte como vehículo integrador, o papel do adestrador na inclusión, as etapas de desenvolvemento dos nenos e nenas e os valores do deporte inclusivo

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2023

A Xunta imparte a xornada formativa gratuíta para persoal vinculado coas federacións deportivas galegas sobre deporte inclusivo titulada: Formación do persoal técnico deportivo para a inclusión das persoas deportistas con diversidade funcional. A xornada é presencial con 20 horas de duración e se desenvolve en 4 módulos en horario de 16,30 a 20,30 horas.

 

O enfoque é teórico e práctico, con visualización de contido divulgativo, presentación de proxectos no ámbito da inclusión deportiva, posta en común de casos e resolución de dúbidas.

 

Tras a súa posta en marcha o martes 2 de abril en Santiago de Compostela, nun primeiro módulo que tratou da diversidade funcional e do deporte como vehículo integrador no que participaron 55 persoas de 38 federacións deportivas, as xornadas chegaron a Vigo este mércores co segundo módulo, dedicado ao papel do adestrador na inclusión deportiva e no que participaron 30 persoas dunha vintena de federacións. Este mesmo segundo módulo será impartido este luns 15 de maio no Servizo Provincial de Deportes na Coruña.


O terceiro módulo, etapas do desenvolvemento dos nenos e nenas e como aproveitalas para a inclusión deportiva, levarase a cabo o mércores 24 de maio na Coruña e o mércores 31 de maio en Vigo. O ciclo rematará o vindeiro luns, 5 de xuño, de novo na EGAP, co módulo que tratará os valores e contravalores do deporte inclusivo.

 

O coordinador da xornada é Marcos Vilasánchez, licenciado en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e mestrado en Psicoloxía da Actividade Física e o Deporte. Cómpre salientar a participación nas xornadas de relatores como Juan Carlos Navarro Molinelli, adestrador e responsable do proxecto de Rubgy inclusivo do CRAT e responsable do rugby inclusivo da federación galega. Do mesmo xeito, compartiranse testemuñas de deportistas paralímpicos galegos e nacionais. As xornadas contan co apoio da plataforma educacional creada en 2018 #JuntosInvulnerables destinada á formación en valores inherentes en deporte dos nenos e nenas.

 

O obxectivo da xornada é a capacitación do persoal federativo en actuacións de promoción da igualdade de oportunidades e condicións entre persoas con diversidade funcional no ámbito do deporte, actuacións consideradas estratéxicas para o crecemento do deporte galego, e presentes tamén nas políticas da Administración deportiva autonómica e nos Fondos Europeos (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2023