A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe unha explotación de gando ovino en Dozón

A Xunta convoca por primeira vez axudas de ata 18.000 euros para contratar persoas coidadoras de gando extensivo para previr danos causados polo lobo

Ángeles Vázquez reitera que a prevención é unha ferramenta imprescindible para compatibilizar a gandería coa presenza e a conservación desta especie en Galicia

Esta liña de subvencións pretende axudar ao sector gandeiro na contratación de persoal para tarefas de pastoreo co fin de protexer aqueles rabaños máis sensibles e susceptibles de sufrir un maior risco de predación

 

Dozón (Pontevedra), 12 de maio de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica a hoxe a resolución pola que a Xunta convoca por primeira vez axudas de ata 18.000 € para contratar persoas coidadoras de gando extensivo para previr danos causados polo lobo.

Durante a súa visita a unha explotación de gando ovino en Dozón, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reiterou que “a prevención é unha ferramenta imprescindible para compatibilizar a gandería coa presenza e a conservación desta especie en Galicia”.

 

Nesa liña, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, subliñou que esta liña de subvencións, que conta cun orzamento inicial de preto de 180.000 € -ampliable segundo a demanda- para os anos 2023 e 2024, ten como obxectivo axudar ao sector gandeiro en extensivo na contratación de persoal para desenvolver tarefas de pastoreo e manexo de reses co fin de protexer, na medida do posible, aqueles rabaños máis sensibles e susceptibles de sufrir un maior risco de predación.

 

Logo de salientar que o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, a partir de mañá, sábado, 13 de maio, a conselleira subliñou que os beneficiarios terán ata o 4 de decembro de 2023 para xustificar a anualidade deste ano e ata o 30 de xullo do vindeiro ano 2024 no caso da seguinte anualidade.

 

Poderán beneficiarse desta iniciativa os titulares de explotacións de gando bovino, ovino, cabrún e equino, que figuren inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia (REGA).

 

A contía da axudas poderá acadar o 100% dos gastos subvencionables cun importe máximo de 18.000 euros por persoa beneficiaria. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa. Cómpre salientar que esta orde prevé a opción de que se faga o abono dun único pagamento por anticipado correspondente á anualidade de 2023.

 

No caso dunha duración inferior a un mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación, un límite de 9 euros por hora traballada.

 

A concesión das axudas realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas, de acordo con criterios de valoración como o tipo de gando, a existencia na explotación de cans protectores e defensores, a constancia de danos ocasionados polo lobo, o número de cabezas afectadas ou a superficie declarada na PAC no ano 2022.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2023