O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, eloxiou hoxe o talento e o esforzo dos estudantes galegos, un tándem que, ao seu entender, está a contribuír ao éxito do sistema educativo de Galicia e á súa tendencia cara á excelencia.
“Calquera informe PISA reflicte que Galicia está nun lugar moi bo, que aínda podemos mellorar”, enxalzou Rueda sobre a calidade do sistema educativo galego, durante a súa intervención no acto de entrega a 202 estudantes dos Premios Extraordinarios de Formación Profesional Grao Superior, bacharelato e ESO, no que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.
Rueda deulles os parabéns aos premiados polo seu “esforzo, traballo e dedicación”, que considerou que son os ingredientes que conforman a “receita do éxito”. “Se un lle pon moito traballo e esforzo normalmente o éxito chega”, argumentou, ao tempo que fixo extensiva a felicitación ás familias dos estudantes e tamén aos seus mestres.
Logros do sistema educativo galego
O mandatario galego defendeu a igualdade de oportunidades que ofrece o sistema educativo galego, do que puxo en valor algún dos seus fitos, como a redución da taxa de abandono escolar ou que sexa “un dos máis inclusivos” do Estado, en referencia á que máis do 94 % do alumnado con necesidades especiais de Galicia está escolarizado en centros ordinarios, “e isto é un éxito colectivo que fala ben de nós como sociedade”, valorou.
Rueda tamén salientou o apoio do Goberno galego ao sistema educativo, que considerou que queda reflectido nas axudas que se lles da ás familias galegas, en referencia ás achegas para libros e material, transporte escolar e comedores ou á conxelación das taxas universitarias desde hai 12 anos. E máis en concreto afondou na aposta decidida da Xunta por impulsar a Formación Profesional.
“Un país avanzado non pode ignorar que a FP debe ser potenciada”, aseverou, á vez que admitiu que, se hai uns anos a formación profesional era unha saída “residual”, neste momento é “preferencial”. “Cada vez máis rapaces optan a ela como primeira elección”, salientou.
Rueda finalizou a súa intervención defendendo que non hai “mellor investimento” que aquel que se fai na educación e insistiu en pór en valor o “esforzo e talento” dos premiados; “vós sodes o futuro de Galicia e, por iso, merece a pena traballar”, concluíu.