A Xunta enxalza a figura de Francisco Fernández del Riego e destaca o seu importante legado na nosa cultura

A Escola Galega de Administración Pública celebrou esta mañá un acto conmemorativo do Día das Letras Galegas no que participaron o escritor Ramón Nicolás e o cantautor Emilio Rúa
 

Ata o 30 de xuño poderá visitarse na sala de exposicións do edificio unha mostra de arte do pintor pontevedrés Xaime Falcón
 

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2023 A Escola Galega de Administración Pública celebrou esta mañá o acto conmemorativo do Día das Letras Galegas en homenaxe ao tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego.

No acto participou a directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, a cal resaltou o importante legado de Fernández del Riego na nosa cultura a través do seu activismo en defensa da lingua e da súa participación en momentos claves para o galego, coma a fundación da Editorial Galaxia ou a creación do Día das Letras Galegas.

 

Ademais, durante a xornada leváronse a cabo diversas actividades para dar a coñecer a biografía de Fernández del Riego coma a proxección dun vídeo homenaxe e a conferencia  “Vida e obra dun obreiro do galeguismo” pronunciada polo escritor Ramón Nicolás Rodríguez. Os actos completáronse cunha actuación musical a cargo do cantautor Emilio Rúa e coa entrega de galardóns ás rapazas premiadas no concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas convocado pola EGAP.

 

Mostra de arte

Co gallo do Día das Letras Galegas, a Escola tamén inaugurou unha mostra de arte do pintor pontevedrés Xaime Falcón conformada por nove óleos que reflicten escenas da vida cotiá galega máis tradicional. Esta colección poderá visitarse na sala de exposicións da Escola ata o 30 de xuño.

 

Viaxe cultural

As actividades convocadas pola Escola para esta efeméride completaranse coa xa tradicional viaxe cultural para o persoal empregado público que terá lugar o 17 de maio e que percorrerá algúns dos escenarios onde transcorreu a vida de Francisco Fernández del Riego.

Data de actualización: 12/05/2023