Diego Calvo destaca o Gran Fondo Ézaro como o mellor escaparate para promocionar a Costa da Morte a través do ciclismo
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou hoxe na presentación da proba que congregará o próximo 9 de xullo centos de ciclistas profesionais e afeccionados
O pelotón pasará polos concellos de Muros, Outes, Mazaricos e Cee para rematar como cada ano no alto do miradoiro do Ézaro de Dumbría
O exciclista Alejandro Valverde será o participante estrela desta edición
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe á presentación dunha nova edición do Gran Fondo Ézaro, que o próximo 9 de xullo congregará na Costa da Morte centos de ciclistas e cicloturistas e servirá de escaparate idóneo para a promoción turística desta zona. Participou xunto ao exciclista Ezequiel Mosquera e responsable de EME Sports, entidade organizadora desta proba desde 2015 e doutras como O Gran Camiño.
Nesta edición, o Gran Fondo Ézaro arrincará en Dumbría e, como é tradicional, rematará no alto do miradoiro do Ézaro, todo un símbolo dos afeccionados ao ciclismo e recoñecido pola súa esixencia cun 30% de pendente. Pasará tamén polos concellos de Muros, Outes, Mazaricos e Cee. Entre as novidades deste ano inclúese unha distancia única para todos os participantes de 107 quilómetros con ascensos e descensos fronte ás dúas rutas de 150 e 80 quilómetros de edicións anteriores.
O vicepresidente segundo destacou a aposta da Xunta por consolidar Galicia como potencia na organización de grandes eventos deportivos que, ao mesmo tempo, son un reclamo para o turismo. Ademais de polo retorno económico na comarca grazas ao aumento da ocupación hoteleira como neste caso, tamén mediante a promoción dos concellos que son escenario da proba coas “súas espectaculares paisaxes”, apuntou.