A Xunta adxudica as obras para a instalación de enerxía solar fotovoltaica na depuradora de Ortigueira

Esta actuación, adxudicada por preto de 45.000 €, comprende a redacción do proxecto, dirección de obra e unha instalación fotovoltaica de 45kWp para autoconsumo

O obxectivo é garantir o aforro económico na facturación eléctrica derivada da xestión das instalacións e acadar unha importante redución de emisións de CO²

Os traballos nas instalacións de Ortigueira forman parte das actuacións para avanzar cara á neutralidade enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais que xestiona Augas de Galicia
 

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou as obras para a instalación de enerxía solar fotovoltaica na estación depuradora de augas residuais de Ortigueira.

 

Esta intervención, adxudicada á empresa Servicios Técnicos y Mantenimiento de Alta Tensión SAU por preto de 45.000 euros, comprende a redacción do proxecto técnico, dirección de obra, tramitación administrativa e execución dunha instalación fotovoltaica de 45kWp para autoconsumo, nos terreos asociados á depuradora municipal, que xestiona a entidade hidráulica da Xunta.

 

A través deste contrato Augas de Galicia busca garantir o aforro económico na facturación eléctrica derivada da xestión da estación depuradora, ao tempo que acadar unha importante redución de emisións de CO² equivalente.

 

Estas actuacións contan con financiamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 e do proxecto Aqualitrans II 1 E.

 

As obras nas instalacións de Ortigueira, súmanse ás que tamén se realizarán nas depuradoras do concello lucense de Alfoz e nos concello da provincia de Pontevedra de Vilaboa e Nigrán, xa adxudicadas, no marco das actuacións que impulsa a Xunta para avanzar cara á neutralidade enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais xestionadas por Augas de Galicia.  

Data de actualización: 13/05/2023