O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participa no encontro territorial do Plan Conecta FP

A Xunta traballa co tecido empresarial da comarca de Ferrolterra para impulsar novas prazas de FP adaptadas ás demandas de futuro

Román Rodríguez destaca a importancia da colaboración entre o sistema educativo e os sectores socioeconómicos para deseñar “unha formación especializada” e apuntalar o actual sistema galego de FP que se caracteriza pola “confianza, prestixio e utilidade”

Salienta que esta comarca é unha das de “maior potencial” neste ámbito

Preto de 200 persoas entre representantes de empresas e de alumnado e profesorado dos centros de FP afondan nos retos de futuro destas ensinanzas que cursan 4.200 alumnos en 134 programas de 21 centros da comarca
 

Ferrol (A Coruña), 12 de maio de 2023

A Xunta de Galicia traballa de xeito coordinado co sector empresarial da comarca de Ferrolterra para o impulso das ensinanzas de Formación Profesional a través do Plan Conecta FP. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presidiu esta mañá en Ferrol a apertura do encontro territorial enmarcado neste plan co obxecto de afondar no futuro da FP nesta área de Ferrol, Eume e Ortegal que engloba nove concellos.

 

Un plan que, segundo explicou o titular de Educación do Goberno galego, busca estreitar a colaboración entre o sistema educativo e o eido socioeconómico da contorna para deseñar “unha formación especializada” e apuntalar o actual sistema galego de FP que se caracteriza pola “confianza, prestixio e utilidade tanto para o alumnado que cursa estes estudos como para as empresas”.

 

Na apertura do encontro tamén participaron a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e Cristóbal Dobarro, en representación da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, COFER.

 

A xuntanza congrega preto de 200 persoas entre alumnado e profesorado dos centros integrados e Institutos da comarca que imparten ensinanzas de FP e representantes das empresas da zona como Navantia, Nervión Offshore-Grupo Amper, Domus VI, Centro de día O Xestal, restaurante Camiño do Inglés (do Grupo 9) ou Confitería Gascón, entre outros.

 
Fortaleza da FP en Ferrolterra

Román Rodríguez sinalou que Ferrolterra é unha das de “maior potencial” no ámbito da Formación Profesional. Non en balde, esta área aglutina catro do total de 25 centros integrados de FP que hai en Galicia. Ademais, esta comarca concentra máis de 4.200 alumnos matriculados en 134 programas formativos, cunha suba de matrícula de máis do 27% con respecto a fai unha década.

 

O conselleiro de Educación destacou que esta “dinámica ascendente” é froito do bo labor que están a realizar os equipos directivos e docentes dos 21 centros educativos sostidos con fondos públicos que ofertan as distintas modalidades destas ensinanzas na comarca.

 

Non obstante, tal e como explicou Román Rodríguez, para “afianzar e avanzar nos retos de futuro” é necesario seguir implementando unha oferta adaptada aos novos contextos e demandas socioeconómicas. De aí que encontros coma este “sexan imprescindibles” para establecer sinerxías e “multiplicar os efectos” a través dunha formación especializada, adaptada ás novas necesidades e que xerará “un importante valor engadido que repercutirá no conxunto do territorio”.

 

Plans á medida dos sectores produtivos

O celebrado esta mañá forma parte dos 14 encontros territoriais e cinco sectoriais que a Xunta está a organizar dentro do Plan Conecta FP para crear 9.500 novas prazas de FP, ademais doutros cinco encontros sectoriais. A partir de cada un deles crearanse outros 19 grupos de traballo que identificarán as necesidades actuais e futuras das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Da análise de cada un dos grupos xurdirán plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional e territorial, que conformarán o Plan Conecta FP Galicia para deseñar e planificar a oferta destas ensinanzas á medida do tecido produtivo galego e de cada zona.

 

O obxectivo deste plan é formar profesionais cualificados que dean maior e mellor resposta ás necesidades das empresas favorezan a súa competitividade, así como a confianza da industria na FP. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova.

Programa da xornada

Tras a apertura por parte do conselleiro, a delegada territorial da Xunta en Ferrol e o representante da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, tomou a palabra a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, cun relatorio sobre A Formación Profesional como vía de capacitación.

 

Ao longo do día desenvólvense tres mesas de traballo sobre as posibilidades de colaboración entre a FP e as empresas do seu contorno produtivo, analizando as opcións concretas da FP Dual; sobre a importancia da acreditación de competencias e a formación dos traballadores no mercado laboral futuro, e arredor das necesidades do sector produtivo. Nelas participan tanto representantes de centros educativos como de empresas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2023