A Xunta valora que o Goberno central aprobase varias das medidas que reclama Galicia a prol do sector primario

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, valorou de xeito positivo que o Goberno central aprobase varias das medidas que viña reclamando Galicia de xeito reiterado a prol do sector primario, ao tempo que agarda que unha vez se concreten a nosa comunidade non se vexa discriminada con respecto a outras. Nese senso, sinala que estas medidas son necesarias nun contexto de continuas subas dos custos de produción, máis aló da situación de seca que se está a vivir en España.

Así, José González indicou que nunha primeira valoración, hai que destacar o importe de 355 millóns de euros que vai para as gandarías de vacún de leite e de carne no conxunto de España, mais -puntualizou- haberá que ver os cartos que lle corresponden a Galicia. Tamén ve de xeito positivo os 5 millóns destinados á apicultura.   

Do mesmo xeito, o conselleiro sinalou que é de valorar que, no que se refire ao vacún de carne, se asumise tamén a postura da Xunta de Galicia de incrementar as axudas por vaca nutriz. Neste sentido, cómpre lembrar que o ano pasado as axudas directas que aprobou o Estado tiñan un importe por vaca -no que se refire á carne- moi inferior ao das axudas extraordinarias aprobadas pola Xunta neste ano, que supuxeron 14 millóns de euros para os nosos gandeiros de vacún de carne e que se están cobrando estes días, explicou. Porén, o titular do Medio Rural considerou insuficiente os 40 euros que se prevén por vaca nutriz do leite.

O conselleiro apuntou que varias das demandas aprobadas hoxe en Consello de Ministros xa estaban reflectidas unha vez máis na misiva enviada esta semana por José González ao ministro Luis Planas, así como en escritos anteriores e en diversas conferencias sectoriais co resto de conselleiros do ramo. Entre os últimos requirimentos estaba a demanda de solucións á situación que está a vivir o sector do vacún de carne e a necesidade de habilitar axudas para garantir o seu futuro, dado que os prezos pagados aos gandeiros non chegan -sinala- para cubrir o incremento dos custos de produción nos últimos anos.
 

Nesa liña, as medidas aprobadas hoxe demostran, tal e como indicou o conselleiro, que nestes momentos quen se tiña que facer responsable a nivel nacional e tiña capacidade orzamentaria e competencias para facer o esforzo no que se refire ás axudas directas era o Estado. Sobre todo, tendo en conta a situación xeral de incremento nos custos de produción e da seca.

Ademais, o Goberno central recolleu outras demandas como o aumento do prazo para a presentación de solicitudes da PAC, que xa requirira Galicia xunto con outras comunidades autónomas da Cornixa cantábrica, afirmou José González. Segundo explicou, estamos ante un novo período da PAC no que son moitas as dificultades burocráticas na tramitación e que, ademais, non funcionan ben as ferramentas informáticas do Ministerio, polo que era necesaria esta ampliación de prazo.
 

Así mesmo, o conselleiro do Medio Rural destacou tamén outra medida moi demandada por Galicia e o resto de comunidades autónomas da Cornixa cantábrica xunto coas nosas organizacións agrarias, que é a moratoria na aplicación do caderno dixital. 

En definitiva, José González sinalou que, dende a Xunta, están satisfeitos pola acollida das reclamacións e demandas feitas ao Goberno central, reiterando que agora cómpre ver como se traducen esas achegas para Galicia.

Así e todo, o titular do Medio Rural bota en falta outras medidas reclamadas pola Xunta como a baixada do IVE da carne que, aínda que sexa temporal, pode ter un efecto inmediato na suba do prezo en orixe aos nosos gandeiros, explicou. Ou traballar  para que no primeiro piar da PAC se poidan realizar modificacións, aínda que sexan anuais, co fin de mellorar a situación daqueles sectores como o vacún de carne, que nestes momentos está pasando por momentos de dificultades.
Data de actualización: 11/05/2023